domingo, 9 de febrero de 2014

REGULAMENTO DO VIII CONGRESO LOCAL DO PARTIDO POPULAR DE O GROVE


DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1º

De conformidade cos vixentes Estatutos e segundo acordo da Xunta Directiva Provincial convócase o VIII Congreso do Partido Popular de O Grove,  a celebrar o día 9 de marzo de 2014 ás 12:00 horas na Casa da Cultura.

 Artigo 2º

Encoméndase á Comisión Organizadora, nomeada pola Xunta Xestora Local, o impulso, coordinación e dirección de todos os aspectos organizativos do Congreso.

A Comisión Organizadora do Congreso debaterá e aprobará, se procede, a programación concreta e cantos outros acordos fosen necesarios para, en desenvolvemento do presente Regulamento, aclarar, concretar e, en definitiva, asegurar a axeitada preparación e celebración do Congreso.

Os seus acordos deberán ser adoptados por maioría e das súas reunións levantaranse as correspondentes actas de cuxo contido se dará traslado aos órganos do Partido.

 Artigo 3º

En consecuencia, todo o relativo á organización e funcionamento do Congreso rexerase polo presente Regulamento, e os acordos do Comité Organizador adoptados no desenvolvemento do mesmo.

Durante a celebración do Congreso ditas competencias serán asumidas polo Presidente, que  dará conta á Mesa do Congreso.


 TITULO PRIMEIRO

COMPETENCIAS E COMPOSICIÓN DO CONGRESO

 Artigo 4º 

De conformidade co establecido nos Estatutos, o Congreso é o órgano supremo do Partido en O Grove, define os principios, fixa os programas e estratexias e elixe aos representantes nos órganos de dirección do Partido.

 Artigo 5º

            As competencias do Congreso son as que se determinan nos Estatutos do Partido.

 Artigo 6º

Serán compromisarios todos os afiliados ao Partido no municipio de O Grove que asistan ao Congreso e que, tendo a condición plena de afiliado de acordo co sinalado no artigo 6º dos Estatutos do Partido, non se atopen suspendidos de militancia, ou teñan restrinxido os seus dereitos por algunha outra causa.

 Artigo 7º

En todo caso, a Comisión Organizadora deberá establecer un prazo para que, antes da celebración do Congreso, os afiliados poidan, cando fose necesario, cumprir os requisitos que se derivan do artigo anterior, debendo notificarse esta posibilidade, e o período de tempo para facelo, a todos os afiliados.

 TITULO SEGUNDO

FUNCIONAMENTO DO CONGRESO

 Artigo 8º

A Comisión Organizadora declarará validamente constituído o Congreso na hora, data e lugar da súa convocatoria, independentemente do número de afiliados presentes, seguíndose, a partir dese momento, o Programa aprobado polo Comité Organizador.

 Artigo 9º   

No acto inaugural do Congreso, a Comisión Organizadora proporá ao Pleno a composición da Mesa, que deberá ser ratificada por maioría simple. Se non se aceptase a proposta, abriríase un prazo de 30 minutos, durante os que se poderían presentar candidaturas completas para a Mesa, avaladas por un 15 % dos asistentes como mínimo, non podendo avalarse por cada asistente máis de unha candidatura. Será elixida a candidatura que obteña máis votos.

 Artigo 10º

A Mesa estará composta por un Presidente, un Vicepresidente, un Secretario e dous vogais, todos eles afiliados.

 Artigo 11ª

Constituída a Mesa do Congreso, esta deberá anunciar o oportuno acordo de aprobación do Regulamento, dando lectura ás disposicións que terán que rexer os traballos do mesmo.

 Artigo 12º

A Mesa do Congreso dirixirá, impulsará, moderará e ordenará os debates, velando en todo momento pola boa marcha do Congreso. As decisións da Mesa adoptaranse por maioría simple, tendo o Presidente, en caso de empate, voto de calidade.

Corresponde á Mesa cumprir e facer cumprir o Regulamento do Congreso, interpretalo nos casos de dúbida e suplilos nos de omisión.

 Artigo 13º

Corresponde ao Presidente, en nome da Mesa, abrir, dirixir, suspender e levantar a sesión, autorizar o uso da palabra e fixar, a vista das peticións de intervencións, o número máximo de intervencións e a duración das mesmas.

O Presidente poderá chamar a orde, e no seu caso, retirar a palabra a quen nas súas intervencións se estenda excesivamente, se desvie do tema obxecto de debate, falte ao establecido neste Regulamento, profira expresións ofensivas ao decoro do Partido, dos seus membros ou de calquera outra institución, entidade ou persoa, ou que de calquera outra forma altere a orde ou obstaculice a boa marcha do Congreso.

 TITULO TERCEIRO

O ÓRGANO DIRECTIVO E A SÚA ELECCIÓN

 Artigo 14º

O Congreso elixirá en lista pechada ao Presidente e aos vogais do Comité Executivo, en número máximo de 22, mediante o sistema de voto maioritario, a unha soa volta.

Ningún afiliado poderá figurar en dúas ou máis candidaturas, nin avalar coa súa sinatura máis de unha.

 Artigo 15º

Poderán ser elixidos membros do Comité Executivo Local, aqueles afiliados ao Partido Popular, que figuren no Censo do Partido e cumpran cos requisitos establecidos nos Estatutos.

 Artigo 16º

A elección do Comité Executivo farase mediante lista pechada e votación secreta, empregando listados e urnas facilitadas pola Comisión Organizadora.

 Artigo 17º         

Aqueles que opten á Presidencia terán un prazo mínimo de 7 días desde a convocatoria do Congreso para presentar a súa candidatura ante a Comisión Organizadora do Congreso, que rematará ás 20:15 horas do 24 de febreiro de 2014.

 Artigo 18ª

Para ser proclamado candidato á Presidencia do Partido Popular de O Grove será necesario presentar o apoio de alomenos 50 militantes.

No suposto de que se presentasen dúas ou máis candidaturas, a Comisión Organizadora proclamará os candidatos presentados nun prazo de 48 horas, e convocará unha campaña electoral interna por un prazo de 7 días.

Durante a duración da campaña, a Comisión Organizadora garantirá a todos os candidatos a igualdade de oportunidades, asegurará a neutralidade da organización do Partido e velará pola transparencia de todo o proceso.

Artigo 19º

O prazo para a presentación de candidaturas rematará ás 12:00 horas do día 7 de marzo de 2014 (48 horas antes do inicio do Congreso). A Comisión Organizadora recibirá os avais e emitirá un informe que será entregado á Mesa do congreso para a proclamación das candidaturas que fosen presentadas en tempo e forma.

As candidaturas gardarán a forma recollida polos Estatutos e estarán avaladas por alomenos 120 sinaturas de afiliados que cumpran os requisitos aos que se refire o artigo 6º dos presentes Estatutos.

            A Comisión Organizadora deberá elaborar e aprobar un modelo de aval, que lle será facilitado a todos os candidatos e afiliados que o soliciten. Non se admitirán avais que non figuren no modelo oficial aprobado pola Comisión.

 Artigo 20º

Os cabezas de lista das candidaturas presentadas en tempo e forma, presentaran a súa candidatura, durante o tempo fixado pola Mesa do Congreso, que determinará a orde de intervención.

 Artigo 21º

Para a votación constituiranse catro Mesas Electorais, que estarán formadas por un Presidente e un Secretario, nomeados pola Comisión Organizadora do Congreso e ás que se poderán incorporar un interventor por cada candidatura proclamada.

 Artigo 22

Os asistentes, no momento de depositar o seu voto, acreditarán a súa identidade mediante D.N.I., Pasaporte ou Carné de Conducir orixinal.
Artigo 23º

Unha vez finalizada a votación, as Mesas Electorais farán os correspondentes escrutinios que serán remitidos á Mesa do Congreso, a cal anunciará os resultados e proclamará a candidatura que obteña máis votos válidos.

No caso de que só se presentase unha candidatura o Presidente da Mesa poderá solicitar da Asemblea a súa proclamación por aclamación, non efectuándose, neste caso, ningunha votación.

 TITULO CUARTO

IMPUGNACIÓNS

 Artigo 24º 

Para as impugnacións que afecten ao desenvolvemento do Congreso, será competente o Comité de Dereitos e Garantías de Galicia. Estas impugnacións deberán fundamentarse en infraccións estatutarias ou regulamentarias e presentarse nun prazo máximo de 48 horas ao remate do Congreso.

 Artigo 25º 

O procedemento para realizar as impugnacións será o seguinte:

            As impugnacións daqueles acordos tomados durante a celebración do Congreso serán presentadas polos compromisarios ante a Mesa que resolverá no mesmo Congreso, incluíndo na Acta as motivacións nas que se fundamente a súa resolución. A resolución da Mesa será apelable ante o Comité  de Dereitos e Garantías de Galicia,  no prazo máximo de 48 horas despois da celebración do Congreso.

            O Comité Nacional de Dereitos e Garantías resolverá, en segunda instancia, os recursos interpostos contra resolucións dos Comités Rexionais de Dereitos e Garantías como consecuencia das impugnacións que se produzan no Congreso Local do Partido Popular de O Grove.

 DISPOSICIÓN FINAL

Para todo o non previsto neste Regulamento será de aplicación o disposto nos vixentes Estatutos do Partido e no Regulamento Marco de Congresos.

No hay comentarios: