jueves, 10 de mayo de 2012

O CONCELLO DO GROVE PRESENTA A PROGRAMACIÓN PARA CONMEMORAR AS LETRAS GALEGAS


  • Bibliotroco, exposicións, contacontos, feira do libro e actuacións musicais son algunhas das propostas
  • Repartirase o lapis máxico que escribe en galego entre os participantes
O Grove, 10/05/12.- O Concello de Grove conmemorará o Día das Letras Galegas cunha programación de actividades ambiciosa, que se organizarán desde principios de maio e ata o día 18 e que inclúe, ademais de exposicións e presentación de libro, bibliotroco, contacontos, feira do libro e actuacións de danza e música, entre outras propostas. O obxectivo, segundo explica o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Documentación e Patrimonio, Alexandre Aguín, “é ofrecer ao cidadán un amplo abanico de actividades coas que festexar e conmemorar o día das letras galegas e, de paso, fomentar o hábito da lectura en galego. É importante apostar por defender o uso do noso idioma e da nosa identidade”. En total, a programación inclúe ata dez actividades e propostas para todas as idades, que se levarán a cabo na biblioteca municipal e na Praza do Corgo.


Acompañando ás actividades da programación das Letras Galegas, repartirase entre todos os participantes o “lapis máxico que escribe galego”. Trátase dunha iniciativa que pretende concienciar e sensibilizar sobre a importancia de manter e defender o idioma galego, tanto na fala como na escrita, facendo comprender ao cidadán que está nas súas mans facelo.

Bibliotroco e exposición

A programación das Letras Galegas xa deu comezo con “Bibliotroco, compartindo lecturas” e coa exposición sobre o homenaxeado este ano polas Letras Galegas, Valentín Paz-Andrade “Colleita do 1898”. O bibliotroco, ou mesa de intercambio de libros, organízase na Rede de Bibliotecas do Grove ata o día 18. Busca fomentar a cultura, o hábito lector e, asemade, dotar aos libros dunha segunda oportunidade. O procedemento é moi sinxelo. As persoas interesadas deben achegarse á Biblioteca Municipal do Grove, revisar os libros expostos na mesa de intercambio e coller os exemplares que máis lles gusten. Así mesmo, poderán deixar outros libros que xa teñan lido. Os primeiros exemplares xa foron cedidos pola propia Rede de Bibliotecas.

Tamén ata o día 18 na Biblioteca do Grove, pódese disfrutar da exposición sobre Valentín Paz-Andrade. É unha colección de dez carteis que conforman a exposición "Colleita do 1898", acompañada dunha guía didáctica explicativa, para fomentar o achegamento do público a este autor e á súa obra.

Presentación de Daniel Ameixeiro

Pola súa banda, mañá venres o escritor Daniel Ameixeiro presenta na Casa da Cultura do Grove o libro “A torre das lavercas”. Organizado pola Edición Xerais e coa colaboración do Concello do Grove, o acto comezará ás 20.00 horas. Daniel Ameixeiro (O Grove, 1962) é enxeñeiro de Telecomunicacións, e desde 1982 reside en Madrid, cidade onde traballa. Ten publicado: Bonifacio foi a palacio (1999), Xan e Pericán (Xerais 2004), finalista do Premio Merlín 2003 e A Torre das Lavercas (Xerais 2012).

Contacontos

Para os máis pequenos da casa a programación das Letras Galegas inclúe contacontos os días 16 e 17 de maio. O martes é a quenda de “Carola a carteira centola” a cargo de Mau e Pin. Ás 17.30 horas na Biblioteca Pública Municipal do Grove. Mau e Pin, autores da colección "Polo correo do vento" (Xerais), propoñen unha actividade de exposición oral co coñecemento da cultura do mar e de respecto do medio, todo isto vencellado a unha ilustración plástica. Esta actividade completarase coa realización por cada neno/a dun debuxo guiado polo ilustrador.

Xa o día 17, á mesma hora pero nesta ocasión na Praza do Corgo, estará o contacontos “Dada o Duende”. Co obxectivo de fomentar o hábito lector entre os nenos e as nenas, gozarán dunha divertida sesión chea de contos que lles irá relatando un duende chamado "Dada". Esta sesión de contacontos fará as delicias do público infantil grazas a divertidos e amenos contos adaptados á súa idade.

Letras Galegas

As actividades do xoves 17 de maio, na Praza do Corgo, desenvolveranse desde as 17.00 horas. Comezará coa Feira do Libro, a cargo da Asociación de Libreiros do Grove en colaboración co Concello do Grove. A Concellería de Documentación contará tamén cunha mesa informativa, onde se explicarán os diferentes servizos cos que conta, a forma que ten a cidadanía de poder acceder a eles, os horarios... e darase resposta ás preguntas e dúbidas que poidan ter sobre os servizos ou o seu funcionamento. Outra das presencias importantes da xornada serán as dos autores Gogue e Juan Sendino, que asinará libros entre os asistentes.

Para os nenos, ademais do contacontos, tamén haberá dous grandes inchables, mentres que a partir das 19.00 horas comezará a actuación da Asociación Cantodorxo. Os diferentes grupos de baile desta asociación interpretarán unha completa e variada mostra de baile galego coa fin de entreter e deleitar ao público asistente. Xa ás 20.30, a música correrá a cargo do cuarteto “Carapaus”, que ofrecerán un concertó folk para os asistentes.

No hay comentarios: