viernes, 13 de abril de 2012

Concello e Xunta acordan “importantes cambios” nas obras do colexio Rosalía

Noticia publicada en todogrove.com

O alcalde e a concelleira de Educación reuníronse co xefe territorial de Educación para abordar cambios nas obras proxectadas para este colexio. Ademais, os responsables municipais esixiron unha “solución” para que a xornada única chegue a Conminiño e alertaron de que o exterior do CEIP As Bizocas precisa unha actuación con “urxencia”.

“Novas prioridades” no Rosalía

As obras que o Consellería de Educación iniciou o pasado verán neste colexio grovense, construído na década dos sesenta, e nas que ten previsto investir máis dun millón de euros ao longo de tres veráns, foron o tema central da xuntanza que o alcalde, Miguel Ángel Pérez, e a concelleira de Educación, Laura Besada, mantiveron este xoves en Pontevedra co xefe territorial de Educación, César Pérez.

Esta actuación deu comezo no verán de 2011 co retellado, reforma da sala de caldeiras e do sistema de calefacción, adaptación da instalación eléctrica á normativa europea, actuacións no saneamento e fontanería e renovación de varios aseos.

Ao remate do presente curso, tocará acometer a segunda e máis custosa fase deste plan, para a que se prevé un investimento superior ao medio millón, e que –como explicara o conselleiro, Xesús Vázquez, o pasado verán–, comprenderá a mellora da fachada e estrutura do centro, a renovación da carpintería e outra serie de actuacións no seu interior.

A este respecto, o Concello explicou nunha nota de prensa que, “tras a visita do equipo técnico da Consellería e das reunións coa dirección do centro, establecéronse importantes cambios con respecto ao proxecto inicial, tendo en conta novas prioridades e necesidades detectadas”.

Así pois, este verán procederase a reformar “de xeito integral” unha das alas do colexio e cambiaranse de lugar as aulas de informática e infantil. Nesta últimas instalaranse ademais aseos e armarios, e dotaráselles de entradas independentes a través do parque, segundo explicou a Concellería de Educación, que tamén salientou que estes traballos “tamén inclúen cambiar todo o chan, labores de fontanería, carpintería e pintado de aulas”, polo que tanto Pérez coma Besada quixeron aplaudir o “importante compromiso adquirido” polo xefe territorial.

Por outra banda, o Concello tamén informou que acaba de iniciar o proceso para lograr desafectación das vivendas de profesores, situadas no patio posterior do centro, que se atopan libres, dando “resposta a unha solicitude da propia ANPA”, que agarda poder empregar este inmoble para “novos usos en beneficio dos escolares”, como podería ser un comedor.

Nesta liña, os responsables municipais solicitaron información de cales son as vivendas libres, para logo solicitar a súa desafectación a través do pleno.

Unha “solución” para o Cominiño

A pesares de que a ANPA do CEIP Conminiño xa intentou en repetidas ocasións someter á votación dos pais e nais o cambio da xornada escolar, os “problemas de transporte” remataron por converter a este colexio grovense no único que aínda non conta coas súas clases concentradas en horario matinal.

Agora, este centro ven de iniciar “un novo proceso para acadar este horario” de cara ao vindeiro curso, e contan co “apoio total do Concello” ao respecto. Por iso, os responsables municipais esixiron a César Pérez nesta xuntanza o “máximo compromiso” da Consellería con esta cuestión.

As cornixas das Bizocas

Por outra banda, alcalde e concelleira tamén informaron ao xefe territorial da “urxencia de acometer obras no exterior” do colexio das Bizocas, para “evitar desprendementos”. Concretamente, explicáronlle o “deterioro” que sofren as cornixas de formigón do edificio, que provocan “preocupación”. Segundo explicou Besada, a Xunta dará unha solución a este problema “con máxima urxencia”.

No hay comentarios: