viernes, 20 de mayo de 2011

Hernández asegura que cun PXOM aprobado “O Grove estaría á marxe” do POL

Artigo e fotos publicados en todogrove.com

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, participou este venres nun acto do PP en San Vicente, no que enviou unha mensaxe de “tranquilidade” á veciñanza desta parroquia respecto da afectación que o Plan de Ordenación do Litoral (POL) terá no planeamento urbanístico do municipio.

Hernández acompañou ao candidato popular á Alcaldía, Miguel Ángel Pérez, no último acto do PP grovense nesta campaña electoral, e no que tamén participou o presidente da Deputación e do partido en Pontevedra, Rafael Louzán. Segundo explicou o propio Pérez, este acto tiña como obxecto promover na Casa da Cultura Ángel Vázquez Hereder un coloquio cos veciños respecto dun “tema que está a xerar moita preocupación”, o devandito POL.

Por iso, Hernández comezou a súa intervención –previa a unha rolda de preguntas– explicando aos asistentes que o que alí se estaba a celebrar non era un “acto mitinero” a pesares de que, por motivos de axenda, rematou celebrándose a dous días das eleccións, senón que tiña por obxecto explicar á xente de San Vicente como afecta o POL a esta parroquia.

O conselleiro asegurou aos asistentes que esta normativa que a Xunta aprobou en febreiro permitirá un “desenvolvemento sostible” no litoral galego e indicou que “non afecta substancialmente ás poboacións que existían previamente”.

“O POL non cualifica solo, non expropia nada, nin deixa casas fóra de ordenación”, engadiu Hernández, quen tamén afirmou que o que fixo o actual Goberno da Xunta foi “coller un documento do bipartito e adaptalo ao noso compromiso electoral”.

Non obstante, tamén precisou que esta normativa non se pode analizar sen ter en conta o planeamento municipal, e por iso subliñou que as cousas serían distintas se O Grove tivese un Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado. Si así fose, “quedaría ao marxe”, como aconteceu cos municipios costeiros de Vigo e A Pobra do Caramiñal, “nos que o POL non tivo ningunha afectación”, asegurou.


Por isto, o conselleiro tamén criticou ao actual Goberno local por non levar adiante este Plan Xeral, e tras “catro anos de facer nada”, aproveitou que “pasaba por aquí o POL”, para criticar os efectos desta normativa no planeamento urbanístico. Hernández mostrou tamén as súas sospeitas de que o Goberno que lidera o socialista José Antonio Cacabelos non pretendía realmente aproveitar a súa iniciativa, e que tan só “pretendía resolver problemas específicos a través de planos especiais de infraestruturas”.

Cacabelos renega do PXOM cunha cervexa na man

As sospeitas de Hernández víranse precedidas por unha rotunda afirmación do número tres do PP grovense, Manuel Ochoa, quen na primeira intervención do acto asegurou que, aos catro meses de ser nomeado, Cacabelos dixéralles nun bar “tomando catro cervexas” –non especificou cantas tomara cada un– que “o PXOM non o ían facer” porque significaría a “rotura do Goberno”.

Así, o que fora presidente da Comunidade de Montes de San Vicente afirmou que fronte a aqueles que non levaron adiante esta normativa porque “non teñen o que teñen que ter os homes”, para o PP este documento sería o “obxectivo número un”, polo que se comprometen a aprobalo no prazo de 24 meses

No hay comentarios: