viernes, 20 de mayo de 2011

Pérez: “A cada ofrecemento que fixemos ao Goberno, recibimos unha labazada

Entrevista publicada en todogrove.com

Tras oito anos na Alcaldía, a creación do cuadripartito arredou do Goberno local a Miguel Ángel Pérez e ao Partido Popular. Agora, repite por cuarta vez como cabeza de lista dos populares grovenses co obxectivo de retornar á alcaldía tras catro anos de “xestión nefasta” nos que os actuais mandatarios “non utilizaron” a súa “multitude de ofertas de colaboración”, como destaca nesta entrevista a TODOGROVE.COM.

Tras oito anos no Goberno, o PP converteuse en 2007 no principal partido da oposición. Como avalía o traballo que fixo o seu partido nestes últimos catro anos?

Para nós foi unha situación novidosa, viñamos de gobernar oito anos e aquilo supuña unha etapa descoñecida. Pero considero que tamén desde a oposición se pode axudar a O Grove, e iso é o que intentamos facer. A verdade é que lamentamos moitísimo que o Goberno e concretamente o seu alcalde non tivese, digamos, a picardía suficiente para aproveitar a multitude de ofertas de colaboración que lle brindamos. En cantidade de ocasións puxémoslle sobre a mesa ofrecementos de colaboración e en ningún momento foron utilizados.

Vamos, que o intentaron pero non lles deixaron

Ao marxe do noso propio traballo, que foi de oposición pura e dura, entendemos que os nosos ofrecementos en temas de certo calado poderían ser unha maneira de colaborar. Pero en ningún momento fomos chamados absolutamente para nada, o que é curioso dun Goberno que repetía constantemente que unha das súas constantes ía ser a participación. Ningunha.

Seguindo coa oposición, estes catro anos fixeron cambiar cousas no PP a hora de afrontar estas eleccións?

É lóxico. A óptica da oposición é totalmente distinta. Cando nos presentamos por primeira vez no ano 1999 tamén viñamos da oposición, pero eramos un equipo totalmente novo que non formaramos parte da corporación e tivemos a sorte de ser a forza máis votada e entrar a gobernar, aínda que en minoría. Logo en 2003 sucedeu o mesmo cunha representación moito máis ampla, pero viñamos de facer, aínda que non está ben que o diga, un mandato moi bo. Nas seguinte vez que nos presentamos, tamén viñamos de gobernar, pero xa con outros avatares e circunstancias, e sucedeu que aínda sendo a forza maioritaria e con moitísima diferenza, quedámonos ás portas. Loxicamente, presentarse agora de novo desde a oposición cambia radicalmente o noso plantexamento, pero o noso traballo, a nosa presenza en todo o que tiña que ver con algún tema de interese para O Grove e a que entendemos nefasta xestión do Goberno cuadripartito sitúannos nun punto de partida realmente interesante.

Seguindo co cuadripartito, para vostedes que foi o peor que fixeron ao longo do presente mandato?

Penso que o peor foi precisamente non saber aproveitar o caudal colaboración que nos lle ofrecemos, porque iso ao final vai en detrimento dos veciños. En concreto, no tema do Plan Xeral de Ordenación Municipal, nós en todo momento e sen poñer ningún tipo de condición, estivemos a favor de sacar ese documento adiante, do xeito que quixeran, pero en ningún momento recibimos unha oferta para iso. A cada ofrecemento que fixemos, recibimos unha labazada

E o mellor?

Non sei que sería o mellor exactamente. Pero si houbo algunhas cuestións que son de certo interese. Eu por exemplo encontro moi interesante o Proxecto Pío.

De cara as eleccións do domingo, cal é a principal baza de Miguel Ángel Pérez para volver a ser alcalde?

O noso compromiso é coñecido, e o estamos a repetir continuamente, pasa por sacar o Plan Xeral, o que é curioso porque é case que con toda seguridade o elemento que fixo que nas anteriores eleccións descenderamos en número de votos. Pero é unha cuestión de responsabilidade, ese é o principal problema que temos sobre a mesa e ímonos. Por outra banda, ímonos centrar tamén no tema do novo espazo cultural. Onte presentamos a nosa proposta, que nos parece que vai moito máis en sintonía co que está a demandar a sociedade grovense e que é infinitamente máis factible que a operación que nos presenta non sei si o Goberno ou o alcalde polo seu lado. Despois, tamén terán o noso esforzo todas aquelas actuacións que teñan que ver co benestar das persoas e das familias.

Falando do auditorio, si chegan ao Goberno, que prazo barallan para que este sexa unha realidade?

Non me vou atrever con datas. Iso probablemente fora un dos maiores erros do Goberno que agora remata. Pero é unha proposta crible, realizable e que conta cun compromiso importante e serio, primeiro por quen ter que poñer os terreos a disposición, que xa o fixo, e por outra parte, dalgunha institución que poida axudar a materializalo, porque facelo nós solos é moi difícil, e neste caso tanto Deputación como Xunta están dispostos a colaborar.

Xa que falamos da Deputación e da Xunta. O actual alcalde, José Antonio Cacabelos, criticou en reiteradas ocasións a falta de apoio ao Grove destas dúas institucións.

Iso non é certo, e de parte de quen ven perde moita forzo o argumento. O señor Cacabelos non se caracteriza pola forza da súa palabra tras catro anos contándonos historias que non se cumpriron. As realidades, como di el, están aí, e curiosamente foi cando chega Feijóo á Xunta cando comezan a moverse dalgunha maneira algúns dos temas que figuraban naquel decálogo que se puxera como meta.

Para pechar, falemos xa das eleccións do domingo, non lle vou preguntar polo seu obxectivo porque me vai dicir que a maioría absoluta. Todo o que non sexa conseguir unha maioría que nunca se deu no Grove sería un fracaso para vostedes?

Non. Loxicamente pelexamos por ela, é un obxectivo, pero evidentemente nós estamos sometidos ao que digan os cidadáns, polo que non podemos dicir iso en ningún caso. Vai ser a cuarta vez que me presente como cabeza de lista a unhas eleccións, e tiven sempre a fortuna de gañalas, polo que tanto eu e o meu partido só podemos ter gratitude para os veciños do Grove, que nos apoiaron sempre dunha maneira importantísima.

Por último, nas súas últimas visitas ao Grove, o presidente provincial do seu partido, Rafael Louzán, insistiu en que o PP non quere para tenente de alcalde ao representante dun partido cun único concelleiro. Entendo disto, que vostedes prefiren, si se dese o caso, gobernar en minoría que facer unha coalición.

Home, o razoable e desexable e darlle ao Goberno que saía a maior estabilidade posible. Se iso se ten que traducir nun pacto, pois sería o menos malo, digamos. Pero como dependemos do que suceda o domingo, digamos que estaremos atentos a calquera solución. En calquera caso, temos certa experiencia de goberno en minoría, e tiramos os oito anos para adiante sen moitos problemas. Fomos quen de chegar acordos con todas as forzas políticas que foron capaces de sentarse á mesa á que nós lles invitamos, coa excepción do Bloque, que, de partida, nunca quixo. Aí temos unha experiencia que nos avala e que nos permitiría manexarnos en calquera escenario, pero sempre coa máxima de dar a máxima estabilidade ao Goberno

No hay comentarios: