lunes, 2 de abril de 2012

"O Concello do Grove recupera os Premios á Excelencia Académica do alumnado de secundaria"

O Concello do Grove, a través da Concellería de Educación, recupera os Premios á Excelencia Académica para os alumnos de educación secundaria dos centros públicos do municipio. As bases aprobáronse na última Xunta de Goberno Local, e pretenden recompensar o esforzo realizado polos alumnos máis sobresaíntes no actual curso escolar, pero tamén ser un estímulo para os demais compañeiros.

Coa convocatoria da cuarta edición dos premios recupérase unha iniciativa posta en marcha en 2004 polo anterior goberno do Partido Popular, sendo concelleiro de Educación Fernando Meis, e que foron convocadas por última vez no curso 2005/06.

O obxecto da convocatoria será premiar o rendemento educativo do alumnado con mellor expediente académico en cada unha das etapas de educación secundaria, que cursou estudos durante o curso 2011/2012 nalgún dos dous centros públicos deste concello, o IES Monte da Vila e o IES As Bizocas. Outorgaranse dous premios iguais, un para a ESO e outro para bacharelato, aos alumnos e alumnas cos mellores expedientes académicos en cada unha das dúas etapas. A valoración basearase na nota media das súas cualificacións nos catro cursos de ESO ou nos dous de bacharelato, segundo sexa o caso, excluíndo a materia de relixión.

Os directores ou directoras de cada un dos centros remitiranlle ao Concello do Grove a proposta do alumnado aspirante aos ditos premios nos cinco días seguintes ao remate do curso escolar, acompañada do certificado da nota media das súas cualificacións. Unha comisión realizará a elección das persoas premiadas con base nas cualificacións obtidas polo alumnado. Esta comisión estará presidida pola concelleira delegada de Educación e formarán parte, como vogais, os directores dos centros, actuando un deles como secretario. Esta comisión dirimirá os empates no caso de se produciren.

O premio en cada unha das categorías consistirá na entrega dun diploma acreditativo e cheques regalo por valor de 200 euros para cambiar no comercio local.

No hay comentarios: