Noticia publicada en todogrove.com
Os provedores aos que o Concello do Grove adebeda diñeiro xa poden dar a súa aceptación ao mecanismo de pago que estableceu o Goberno central, e que permitirá a esta administración local obter un crédito de 800.000 euros para pagar preto de 700 facturas.
Segundo informou o concelleiro de Economía e Facenda, Juan Luis Callón, estes provedores poden desde este luns dar a súa aceptación a este mecanismo de pago a través de dúas vías; unha telemática, mediante a aplicación informática que se pode atopar na web da Axencia Tributaria; e outra presencial, dirixíndose ao Concello e presentando un escrito de aceptación no Rexistro Xeral.
Nese escrito de aceptación, as empresas deberán incluír o seu número de conta corrente, unha descrición da natureza da súa empresa ou da súa labor como autónomo e a “cantidade principal a aboar, descontado o importe da quita se así se establecera”, engadiu Callón nunha nota de prensa.
Coa idea de outorgar liquidez ás empresas, o Goberno central puxo en marcha un fondo de provedores que permitirá ás administracións locais formalizar unha operación de endebedamento co Instituto de Crédito Oficial (ICO), a través da que obterán os fondos precisos para saldar as súas obrigas de pago cos provedores.
Para acollerse a esta medida, os concellos debían remitir ao Ministerio de Hacienda unha relación certificada de obrigas pendentes, que no caso do Grove ascendeu a un total de 812.259,93 euros. Esta contía podería verse incrementada no caso de que as empresas que non foran incluídas na listaxe elaborada no Concello soliciten a súa inclusión nesta operación de pago antes do 22 de abril.
Ademais, as corporacións debían aprobar en pleno, antes de que rematase o mes de marzo, un Plan de Axuste que agora o Ministerio deberá avaliar, antes do 30 de abril, para determinar se o concello en cuestión pode acollerse ou non a este fondo.
“No caso de que así sexa, durante a primeira quincena de maio, o pleno deberá aprobar a formalización da citada operación de endebedamento”, indicou Callón, quen tamén explicou que, unha vez superados todos os requisitos, “está previsto” que as débedas poidan comezar a ser aboadas “a partires da segunda quincena” de maio.
No hay comentarios:
Publicar un comentario