viernes, 6 de abril de 2012

A licitación dos postos de venda da Festa do Marisco centrou o Consello de Turismo

Noticia publicada en todogrove.com

O Goberno local trasladou a reunión deste órgano colexiado celebrada este venres os pregos de condicións para a adxudicación dos diferentes postos de venda de produtos na Festa do Marisco, nos que se introducen variacións nas porcentaxes que os adxudicatarios deben abonar ao Concello.

Concretamente, procedeuse a modificar o conflitivo cambio de porcentaxe que ata o de agora existía cando o concesionario do posto alcanzaba os 50.000 euros coas súas vendas, momento no que a contía que debía abonar ao Concello pasaba do 22% da facturación bruta ao 30%, o que estaba a xerar nos últimos tempos “problemas complexos”, como recoñeceu o alcalde, Miguel Ángel Pérez.

De feito, en anteriores reunións deste Consello Local de Turismo chegouse a afirmar que algúns concesionarios, ao aproximarse a esta contía, paraban a venda coa escusa de que non lles quedaba produto.

Por iso, nos pregos que Pérez trasladou este venres ao Consello, optouse por manter no 22% o que se deberá abonar ao Concello no caso de non superar esa barreira dos 50.000 euros e baixar ao 24% o que haberá que pagar se se factura por riba desa porcentaxe.

Pero estas cifras só determinan uns mínimos, xa que, como explicou o alcalde, neste proceso de licitación déixase aberta a posibilidade de que os interesados poidan mellorar tanto unha porcentaxe como a outra nas ofertas que presenten, e así poder obter máis puntos –concretamente, dous máis en cada caso– de cara a súa adxudicación.

Ao igual que o anterior, este concurso público que afectará a postos como o de polbo á feira ou arroz de mariscos, a concesión será outorgada por un prazo de catro anos á oferta que resulte elixida pola mesa de contratación que ditaminará a adxudicación, e na que, como se acordou na xuntanza deste venres, estará presente un membro da oposición e tamén un representante das organizacións empresariais que participan neste Consello Local de Turismo.

Previamente, os pregos deberán ser publicados no Boletín Oficial da Provincia (BOP), momento no que se abrirá un prazo de 15 días para a presentación das diferentes ofertas.

Un control “exhaustivo”

Outra das novidades que presenta esta nova oferta con respecto a anterior –cuxa vixencia, tamén de catro anos, rematou en 2011–, será a inclusión dun “réxime disciplinario” no que o Concello será “moi rigoroso”, como deixou claro o primeiro edil. Este afectará tanto ao control da calidade do produto como ao cumprimento das normas sanitarias, a uniformidade dos postos e demais cuestións relativas á calidade do servizo.

Segundo explicou o alcalde, nos novos pregos de condicións incluso se determina un réxime de infraccións e sancións –que mesmo poderían derivar na retirada da concesión– para todos aqueles que non cumpran as normas. Para a súa aplicación, crearase durante a Festa un “órgano de control” que se encargará de realizar un “control exhaustivo” de todas estas cuestións.

Este réxime afectará non só aos postos que sexan xestionados polas empresas adxudicatarias, senón tamén a aqueles dos que se encargan asociacións e colectivos locais, aclarou tamén o primeiro edil.

Outras cuestións

Ademais destes pregos, o Goberno tamén deu conta neste Consello doutra serie de cuestións, como o paso da Vuelta Ciclista España polo Grove en agosto ou o compromiso recentemente adquirido pola Secretaría Xeral para o Turismo de construír unha senda que conecte as dúas naves do Centro de Interpretación da Pesca e da Salga (CIPES).

No hay comentarios: