Notiica publicada en todogrove.com
Na xornada do mércores foi inaugurada no colexio de Ardia esta iniciativa dirixida a axudar á conciliación da vida laboral cos horarios escolares, permitindo que os nenos e nenas poidan chegar ao centro desde as 7.30 horas.
Desde a súa chegada e ata o inicio das clases ás 9.40 horas, os nenos e nenas que sexan inscritos neste servizo que se desenvolverá nunha das aulas do comedor escolar, recentemente acondicionada, realizarán manualidades e participarán en xogos cooperativos ou actividades de lecer, segundo explicou a Concellería de Educación.
Coa posta en funcionamento deste Plan Madruga, “dáse resposta a unha demanda” da ANPA, destacou o departamento que dirixe Laura Besada, que tamén explicou que se trata dun “proxecto piloto” co que se busca “comprobar as necesidades reais” da cidadanía en relación a un servizo que se pon en marcha por primeira vez nun centro educativo grovense.
Aqueles pais e nais que desexen inscribir aos seus fillos neste programa deberán presentar as súas solicitudes no rexistro do Concello. O Plan Madruga terá un prezo de 30 euros ao mes, agás que se inscriba a máis dun irmán ou que sexa solicitado por unha familia numerosa ou monoparental, ás que se lles aplicará unha redución do 20%.
Ademais, o Concello tamén porá a disposición das familias unha serie de bonos de dez días para aqueles que desexen utilizar este servizo en días soltos. Neste caso, o prezo por xornada será de 2,5 euros.
No hay comentarios:
Publicar un comentario