Dentro das melloras que estamos a acometer na zona portuaria construirase nos próximos meses unha rotonda que distribuirá o tráfico máis axilmente e con maior seguridade.
A obra levarase a cabo a través dun convenio con Portos de Galicia e a financiación da Deputación de Pontevedra.
Dentro dos plans de mellora do núcleo urbano que se están a levar a cabo no noso municipio, destaca a próxima construción dunha rotonda de 18-20 metros de diámetro que racionalizará o tráfico e mellorará a seguridade viaria da zona portuaria nun conflitivo punto da avenida de Beiramar onde conflúen moitas direccións e se provocan, nalgúns momentos, situacións complicadas para a integridade física de peóns e condutores.
Unha vez analizada a necesidade deste elemento e de ser deseñado polos servizos técnicos do Concello, contactouse con Portos de Galicia, organismo propietario do solo, para conseguir os permisos necesarios para a súa execución. Asemade, iniciáronse contactos tamén coa Deputación de Pontevedra, que enseguida se comprometeu ao seu financiamento. Deste xeito, vaise asinar un convenio de colaboración entre as tres entidades para iniciar o proceso de licitación e a súa posterior construción, co obxectivo de que a rotonda estea lista antes da próxima temporada de verán.
Cabe salientar que, alén da súa principal función, este elemento viario tamén contribuirá a mellorar a decoración da avenida, pois contará cunha zona axardinada e algún elemento ornamental con claras referencias mariñeiras.
No hay comentarios:
Publicar un comentario