Noticia publicada en todogrove.com
Na tarde do luns celebrouse na Casa da Cultura unha nova xuntanza para informar á veciñanza da posibilidade que unha disposición transitoria da LOUGA outorga para que construcións sen licenza poidan obter a declaración de “incursión de situación legal de fóra de ordenación”.
Ao igual que fixera en decembro en San Vicente, o Concello volveu organizar este luns outra charla para informar á cidadanía do proceso para legalizar construcións e actividades sen licenza contemplado na disposición transitoria terceira da Lei 2/2010 de Medida Urxentes de reforma da lei 9/2002 de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia, vixente ata o vindeiro 19 de abril, segundo explicou o alcalde, Miguel Ángel Pérez, nunha nota de prensa.
Por iso, o Goberno local anima a todos os posibles interesados a consultar antes do remate do prazo todas as súas dúbidas ao respecto deste procedemento, para o que se puxo en funcionamento un servizo de asesoramento que os técnicos que están a dar estas charlas ofrecen todos os xoves de 10.00 a 13.00 horas na primeira planta da Casa do Concello. Para a realización desta labor, e co ánimo de “dar aos veciños a mellor información posible”, o Concello contratou a unha empresa especializada en temas urbanísticos –por preto de 18.000 euros– “que reforzará a labor do departamento do Urbanismo do Concello”, explicou Pérez.
A devandita disposición transitoria contempla que aquelas edificacións ou actividades sen licenza que foran rematadas antes do 1 de xaneiro de 2003, non conten cun expediente de infracción urbanística en vigor e se mantivesen en uso de forma ininterrompida desde a citada data poden regularizar a súa situación a través dunha “declaración de incursión en situación legal de fóra de ordenación”.
Segundo explica Pérez, a casuística na que é aplicable esta disposición é “moi variada”, xa que comprende “desde a regularización de faiados e aproveitamentos baixo cuberta, a excesos de edificabilidade, cambios de uso, naves e actividades incompatibles co solo ou licencias de actividade”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario