Noticia publicada en todogrove.com
Segundo o alcalde, Miguel Ángel Pérez, esta “amnesia” fai que o seu predecesor e actual voceiro do PSOE, José Antonio Cacabelos, esqueza que “el nunca convocou aos voceiros da oposición para consensuar o orzamento nin ningún outro asunto”.
Despois de que os socialistas grovenses denunciasen ter coñecido “pola prensa” que o Goberno local está elaborando “unilateralmente e en segredo” os orzamentos do vindeiro ano, o primeiro edil indicou ao líder do principal partido da oposición a través dunha nota de prensa que “nos próximos días” recibirá copia dese proxecto de orzamento, ao tempo que negaba os ofrecementos de colaboración que segundo os socialistas lles efectuaron. “Nunca o PSOE local ofertou ao Goberno colaboración de ningún tipo, nin de palabra nin por escrito”, asegurou Pérez.
Conclúe o rexedor que ao voceiro socialista “parece molestarlle que o Goberno traballe”, e por iso, invítao a que agarde a recibir a copia do proxecto de orzamentos para “facer propostas e incluso criticalos”, en lugar de facer “afirmacións que non se corresponden coa realidade”.
Ao mesmo tempo, Pérez tamén recalca que o “xeito de actuar” do Goberno que preside “é xustamente o mesmo que el utilizou” na súa etapa como alcalde, polo que entende que non resulta “crible” que esixa “aos demais algo que nunca practicou”.
Por outra banda, Pérez lembroulle tamén ao socialista que el mesmo puido “constatar a situación contraria” o pasado venres, cando participou nunha xuntanza do Consello Sectorial de Turismo, na que, engade, o Goberno ofreceulle ser “participe” da elaboración das bases do prego de condicións polo que se vai rexer o concurso de varios postos de venda de produtos na Festa do Marisco.
Segundo relata o alcalde, nesta xuntanza solicitáronselle “propostas para corrixir unhas bases que, entendemos todos, non son as mellores”. Horas despois, o PSOE emitiu un comunicado no que explicaba a súa proposta ao respecto: o cambio no sistema de porcentaxes polos que se rexe o pago que os adxudicatarios fan ao Concello. Na opinión de Pérez, isto viña motivado polo interese do socialista de buscar “algo de protagonismo nos medios de comunicación”, aínda que isto supuxese “mentir ou dicir verdades a medias co obxectivo de confundir”.
Engade o alcalde que na etapa de Cacabelos ao fronte do Concello tamén se celebrou un concurso como o que agora se pretende convocar, e o socialista “non consultou a ninguén”, mentres que eles, asegura, están “encantados de recibir as propostas do partido que representa”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario