jueves, 3 de noviembre de 2011

O Goberno pide a implicación da oposición para a aprobación do PXOM

Noticia publicada en todogrove.com

Na mañá deste mércores celebrouse unha xunta de portavoces na que o Goberno local deu a coñecer todas as xestións levadas a cabo nos últimos meses de cara a tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), cuestión que definen coma un “obxectivo prioritario”.

De feito, o alcalde, Miguel Ángel Pérez, explicou nun comunicado que a redacción desta normativa urbanística “centrará gran parte do traballo do Goberno” nos próximos meses. Considera o primeiro edil, que actualmente atravésase un “moi bo momento” para levar adiante algo que considera un “obxectivo irrenunciable”, debido a factores como a “concienciación colectiva da súa necesidade” ou a “tranquilidade que aporta o momento urbanístico que se está a vivir”.

Pérez trasladou estas cuestións na reunión de hoxe cos voceiros da oposición, “co obxecto de contar coa súa colaboración” na tramitación desta normativa, tras “catro anos nos que este concello non avanzou o máis mínimo” neste asunto, engadiu.

O alcalde tamén abordou nesta xuntanza os informes que a Xunta emitiu con respecto do documento de inicio e explicou que o Goberno local solicitou ao equipo redactor do PXOM a “máxima intensidade e rapidez” no traballo que están a desenvolver.

Unha proposta de traballo

Segundo explicou Pérez, o Goberno local pretende avanzar na redacción desta normativa a partires dunha “proposta base” elaborada polo equipo redactor “atendendo ás directrices marcadas pola Xunta no documento de referencia, que está a ser analizado nestes momentos”.

Coa idea de “non incorrer en vellos erros” –Pérez xa tentou aprobar o PXOM na súa anterior etapa como alcalde–, o primeiro edil deixou claro na nota de prensa que o “determinante” papel que atribúe aos técnicos na redacción deste plan. Serán eles, engade, os que “revisarán, analizarán e informarán da viabilidade das propostas aportadas polo grupos políticos”.

Na xuntanza deste mércores, o alcalde trasladou unha “proposta de traballo” nesta liña aos voceiros dos diferentes grupos políticos, unha proposta centrada en “cinco grandes áreas” de traballo: o núcleo urbano, os núcleos rurais, a zona industrial, o vial alternativo e a fachada marítima.

No hay comentarios: