martes, 1 de noviembre de 2011

O Concello substitúe as ventás da escola infantil Monte da Vila

Noticia publicada en todogrove.com


O Concello de Grove informa a través dun comunicado de prensa que vén de substituír as ventás e portas dunha das alas da Escola Infantil Monte da Vila, unha actuación “demandada pola ANPA e pola directora do centro nas primeiras reunións mantidas coa Concellería de Educación”.

A totalidade da obra farase en dúas anualidades. Nesta primeira fase incluíuse a substitución das ventás e da porta da aula de infantil, mentres que para o próximo ano queda pendente o cambio na aula que neste momento está sen funcionar. O proxecto contou cun orzamento de 4.600 euros e permitirá “mellorar o illamento térmico, reducir o gasto de calefacción, mellorar a seguridade dos nenos, así como o aspecto do edificio”.

Ademais desta actuación, o Concello do Grove, segundo informan, tamén levou a cabo con fondos propios melloras no resto de centros escolares do municipio. Ademais das tarefas habituais de mantemento, no CEIP Valle Inclán acondicionou a entrada ao centro, con aglomerado en frío que permite solucionar un problema de augas e “dar resposta así a unha petición dos pais e das nais e da directiva do colexio”. Ademais do aglomerado, acondicionarase un xardín que permite aumentar as zonas verdes no entorno. Neste mesmo colexio melloráronse os lavabos dos vestiarios do pavillón e rematouse a ampliación do comedor escolar, unha obra que levaba paralizada desde o mes de abril.

No que respecta ao CEIP Bizocas, acondicionouse a aula de informática, coa eliminación do antigo mesado do laboratorio e o pintado da aula; e mellorouse a seguridade da escaleira do patio, que “preocupaba a pais e profesores”.

As obras proseguen no CEIP Conmeniño, onde xa se eliminou unha valla metálica rota no patio que supoñía un perigo para os alumnos. Neste centro mellorarase o chan da sala de psicomotricidade e instalaranse máis puntos de luz. Tamén se está valorando a mellor actuación para solucionar un problema co depósito de augas do centro, tras o compromiso adquirido coa directiva e coa asociación de nais e pais do colexio.

A pesar de que os institutos non dependen directamente do concello, desde o departamento de Educación mostran a súa colaboración con eles. Así, instaláronse dous pivotes na entrada do IES Monte da Vila para mellorar a seguridade dos alumnos á saída do centro e colabórase co acondicionamento do patio.

No hay comentarios: