martes, 1 de noviembre de 2011

O goberno celebrou a primeira reunión de seguimento do pacto tripartito

Noticia publicada en todogrove.com

Os tres grupos do Goberno municipal mantiveron este luns a primeira reunión de seguimento do pacto, coa participación de Rafael Louzán e Jose Manuel Cores Tourís, un encontro “altamente satisfactorio” e que serviu para facer un repaso para coñecer como avanzan todos os proxectos incluídos no acordo de goberno, tales como o pavillón municipal, centro de día, auditorio, PXOM, EDAR, os campos de fútbol de Lampáns e Monte da Vila ou o porto deportivo.

Esta comisión de seguimento estaba contemplada no pacto de goberno para medir os avances na obtención das infraestruturas prioritarias. Independentemente das reunións semanais que manteñen todos os concelleiros, o pacto inclúe a convocatoria desta comisión cada tres meses, coa presenza de Louzán e Tourís. Todos os presentes, segundo informan desde o Concello, mostraron a “súa satisfacción co encontro e, principalmente, co avance “segundo o previsto” de todos os proxectos de goberno”.

Na reunión tratáronse temas de especial importancia para o desenvolvemento do Grove, e púxose de manifesto a “colaboración da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia para contribuír coas necesidades que xurdan no concello”. O alcalde Miguel Pérez explicou que todos os partidos do goberno están traballando de xeito comprometido e sen descanso para que O Grove conte cun PXOM coa maior celeridade posible. Xa se mantiveron reunións de traballo co equipo redactor e mañá, mércores, manterase un encontro con todos os portavoces municipais.

Para a construción do espazo cultural, o Goberno do Grove adiantou que xa se están facendo xestións con Portos de Galicia e confirmou que O Grove vai ter o solo preciso para poder executar o proxecto. En relación ao centro de día, outro dos puntos do pacto, púxose de manifesto o compromiso existente pola Xunta de Galicia para a construción e xestión da instalación unha vez que o concello solucione a dispoñibilidade do terreo, “que estará resolto en tres ou catro meses”.

No que respecta ao pavillón polideportivo municipal, nos próximos días asinarase o convenio coa Secretaría de Deportes da Xunta para iniciar a construción do edificio, e Rafael Louzán reiterou o compromiso da Deputación de Pontevedra para colaborar coa ampliación do proxecto inicial. Tamén próximo está o inicio da depuradora, xa que unha vez que a Xunta de Galicia declare a urxencia da ocupación dos terreos, comezarase de inmediato a súa construción.

En temas deportivos, outro dos puntos da reunión foron os campos de fútbol de Lampáns e Monte da Vila. No primeiro caso, que xa contou cun investimento aproximado de 50.000 euros da Deputación, sumará algunha pequena mellora, mentres que no campo do Grove xa se acordou, a proposta do goberno, o compromiso da Deputación para cambiar o céspede do terreo de xogo para a próxima tempada.

Á saída do encontro, Miguel Pérez, Aida Filgueira e Alfredo Bea reiteraron a súa satisfacción tras unha “reunión altamente construtiva”, pero tamén polo ritmo e a situación no que se atopan os proxectos de goberno e pola ratificación do compromiso da Deputación de Pontevedra e do seu presidente, Rafael Louzán, co Grove

No hay comentarios: