viernes, 21 de octubre de 2011

INAUGÚRASE A AULA INFANTIL DA BIBLIOTECA COINCIDINDO CO VIXÉSIMO ANIVERSARIO DA CASA DA CULTURA “LUEIRO REY”

O sábado, a partir das 10.30 horas, organízase unha festa con contacontos e agasallos para os nenos

O Grove, 19/10/11.- A Biblioteca Municipal Manuel Lueiro Rey ten varios motivos para estar de celebración este mes de outubro, polo que este sábado 22 de outubro organiza unha festa de aniversario para os pequenos do municipio a través da que:
  • Inaugura a súa aula infantil, que foi totalmente remodelada para adaptala ás necesidades e gustos da xente máis nova da casa.
  • Conmemorase o Día da Biblioteca o luns 24.
  • Cumpre 20 anos o martes 25.
  • Estrea unha nova organización dos espazos, para facela máis funcional e adaptada ás necesidades da cidadanía e á prestación dos diferentes servizos.
  • Incrementa os servizos prestados á poboación: acceso público a Internet, WIFI, formación de usuarios/as, dinamización lectora, servizo de referencia especializada, sección de novidades e libros máis lidos...
  • Ven de incorporar preto de 500 novos e variados títulos ao seu fondo, principalmente infantil, xuvenil, narrativa, best-sellers...
  • Está presente nas redes sociais -www.facebook.com/bibliotecasdogrove-

 Todo o mencionado supón o comezo dunha nova etapa para a Rede de Bibliotecas do Grove, que inclúe tamén a Aula de Lectura de San Vicente do Grove. Con todos estes cambios preténdese converter a biblioteca municipal no que realmente debe ser: un centro cultural da nosa comunidade aberto e participativo, que teña como obxectivo facilitar o acceso á cultura, á información , ao ocio e ao coñecemento nos seus diversos formatos, de forma igualitaria e integradora.
Para comezar esta nova etapa na compañía dos usuarios e usuarias, o Concello do Grove organiza unha xornada de festa dirixida, principalmente, aos nenos e nenas do primeiro ciclo de educación primaria e aos seus familiares. Así pois, este sábado 22 de outubro, entre as 10:30 e as 12:30 horas, todas as nenas e os nenos entre 6 e 8 anos e os seus acompañantes que se acheguen á Biblioteca Municipal Manuel Lueiro Rey poderán coñecer e percorrer as instalacións, recibir un agasallo e asistir a unha sesión de contacontos a cargo de Codia e Miolo.

No hay comentarios: