Noticia publicada en todogrove.com
Preto de seiscentos veciños e veciñas reuníronse na tarde do domingo na carpa institucional instalada no Corgo para gozar da segunda e última sesión da Mostra da Canción Mariñeira, na que as voces das corais de San Martiño do Grove e de Santa Digna de Portonovo se combinaron coa música da Banda de Música de Sanxenxo.
Baixo a batuta do director da Banda de Música de Sanxenxo, Rafael Torres Míguez, dous coros infantís e dúas corais combinaron as súas voces cos instrumentos desta agrupación nesta segunda xornada da Mostra da Canción Mariñeira.
O concerto comezou coa presenza dos coros infantís de Sanxenxo e da Coral Polifónica da Confraría de Pescadores de San Martiño do Grove, aos que posteriormente se sumaron tamén os seus maiores e a Coral de Portonovo para exercer, os catro grupos, como unha multitudinaria agrupación vocal ao son que fixaban os músicos da banda do concello veciño. Finalmente, os rapaces abandonaron o estrado e as dúas corais polifónicas pecharon este interesante concerto alzando conxuntamente as súas voces.
Foi a desta tarde unha actuación interesante, cun curioso e variado repertorio, no que houbo espazo tanto para músicas de cine, como os sons que o grego Vangelis compuxera para 1492. La conquista del paraíso; coma para introducirse no mundo da ópera e rescatar varios números da popular Carmen, de Bizet, ou o Va pensiero da mítica Nabucco, de Guiseppe Verdi.
Palillada da Festa do Marisco
Previamente, a carpa institucional fora tamén o escenario doutro dos últimos actos da recentemente concluída XLVIII Festa do Marisco, a Palillada da Festa do Marisco, organizada coa Asociación de Mulleres Rurais Adro Vello, e que entre as dez e media da mañá e as seis e media da tarde reuniu na outra cara da carpa institucional a preto dun cento de palilleiras.
Ademais, este acto contou tamén cunha actuación do grupo de canto e pandeireta de Adro Vello e cunha mostra de traxe rexional, e pechouse cun sorteo de agasallos entre as asistentes
No hay comentarios:
Publicar un comentario