lunes, 3 de octubre de 2011

ABERTO O PRAZO PARA INSCRIBIRSE NAS ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES ORGANIZADAS POLO CONCELLO DO GROVE

A Guía de Actividades Municipais para este curso está publicada na páxina web http://www.concellodogrove.com/

O Grove, 03/10/11.- O Concello do Grove abre o prazo para inscribirse nas actividades extraescolares que organiza para os escolares durante o curso 2011-2012. Durante o mes de outubro as persoas interesadas poderanse inscribir nas clases de natación e na actividade “Coñecendo e disfrutando da biblioteca”. Tamén durante este mes está aberto o prazo para as nais e os pais que queiran participar na Escola Municipal de Nais e Pais e no taller “Emocións en familia”.

As inscricións pódense facer na Casa do Concello ou na Casa Azul de luns a venres en horario de mañá. Para as persoas que prefiran o horario de tarde, poden acudir ao edificio do Corgo os luns e martes de 18:00 a 20:00 horas e á Casa Azul os mércores de 16:00 a 20:00 horas.

Natación

As clases de natación desenvolveranse os martes e os venres na Piscina Municipal de Cambados. Os desprazamentos faranse en autobús con paradas no Corgo-Cortiñas-Ardia para o grupo do martes e Corgo-Terra de Porto-Cortiñas para os nenos que acudan o venres. Trátase dunha actividade extraescolar que se vén desenvolvendo desde hai anos no Concello do Grove e que conta cunha importante demanda de participación.

Actividades na biblioteca

Trátase dunha proposta nova que pretende espertar a imaxinación e a creatividade mediante os recursos que ofrece a lectura; experimentar a biblioteca como un entorno máxico de encontro cos libros e con outros nenos e nenas; e establecer un primeiro contacto cos libros dunha maneira lúdica, facilitando o xogo. Esta actividade desenvolverase na biblioteca municipal os xoves e os nenos dividiranse en dous grupos dependendo da súa idade. Durante unha hora e media, os participantes disfrutarán de obradoiros lúdicos que buscan espertar o interese do neno pola lectura, ben a través de animacións, de xogos ou manualidades de acorde coas idades de cada grupo. Está destinado para alumnos de infantil e primaria.

O prazo para inscribirse nas ludotecas itinerantes no Grove e San Vicente abrirase en decembro, comezando as actividades en xaneiro.

Para nais e pais

O Concello do Grove tamén propón actividades para as nais e os pais con nenos en idade escolar, tales como a Escola Municipal de Nais e Pais, o taller “Emocións en familia” ou accións encamiñadas especificamente para nais e pais con fillos en secundaria, para promover unha maior implicación dos pais e nais do como axentes de saúde e fomentar a posta en práctica das competencias precisas para que poidan desenvolver esta importante función de forma axeitada.

O Programa da Escola de Pais e Nais é unha proposta dirixida ás persoas adultas que desexen participar nun proxecto común de formación. Cada escola supón un acordo de colaboración entre un grupo de nais e pais que deciden organizar de forma sistemática accións para a súa formación, baseada fundamentalmente no diálogo e na reflexión compartida. As reunións organizaranse o primeiro mércores de cada mes.

“Emocións en familia” preténdese crear espazos de interacción e reflexión onde os pais e as nais adquiran coñecementos e ferramentas necesarias para mellorar a comprensión dos seus fillos e fillas e a atención das súas necesidades emocionais nos diferentes momentos evolutivos.

Guía de actividades municipais

Estas actividades extraescolares están incluídas na Guía de Actividades Municipais para Centros Escolares que elaborou o Concello do Grove, co obxectivo de reunir nun mesmo documento toda a oferta educativa e lúdica que as diferentes concellerías organizan para nenos de infantil, primaria, secundaria e bacharelato, ben sexa en actividades fóra do horario escolar ou en colaboración cos propios centros. Esta guía foi presentada ás ANPAS e estase repartindo entre os diferentes colexios e institutos. Tamén se pode acceder a ela a través da páxina web do concello –www.concellodogrove.com- ou en calquera das dependencias municipais.

No hay comentarios: