martes, 2 de agosto de 2011

Pérez critica que só a oposición meca faltase á sesión constitutiva da Mancomunidade

Nova publicada en todogrove.com

O pasado sábado celebrouse o pleno constitutivo da Mancomunidade do Salnés, no que estaban representados todos os concellos da comarca, a excepción da oposición grovense, a cal volveu “dar mostras da súa grande irresponsabilidade”, sinalou o alcalde, Miguel Pérez.

Pérez amosouse moi crítico nun comunicado coa “actitude” da oposición, e definiu como unha “irresponsabilidade” que non houbese un representante desta na sesión constitutiva da Mancomunidade, celebrada o pasado sábado. Ante os “intentos” de desculpalos aludindo a que “non foran convocados”, o primeiro edil fixo fincapé no feito de que “evidentemente” así fora, posto que non notificaron cal era o representante convocar.

A O Grove correspóndenlles tres representantes neste órgano comarcal, un é o propio alcalde como “membro nato”, outro é nomeado polo Goberno –neste caso foi o concelleiro de Facenda, Juan Luis Callón–, e un terceiro ten que ser designado pola oposición.

Segundo explicou o alcalde, esta cuestión debería ter quedado resolta no pleno de organización celebrado no Concello o pasado 23 de xuño, en cuxa orde do día figuraba precisamente a elección destes representantes na Mancomunidade. O Goberno fixou o seu, pero “a oposición alegou non telo decidido aínda” e asegurou que “nos próximos días enviaría” un escrito “dando conta da súa decisión”.

Mais “pasaron os días” e o escrito en cuestión non chegou, engade Pérez, quen acusou aos representantes da oposición –que integran, PSOE, BNG e EU– de facer “caso omiso ás chamadas desde o Concello advertindo desta situación”, a pesares de que “non tiñan que ser avisados porque é a súa responsabilidade”, opinou o alcalde.

Fará uns dez días, foi a Mancomunidade a que chamou ao Concello para advertir desta situación e da necesidade de arranxala canto antes posto que, segundo explica Pérez, “querían notificar da sesión plenaria constitutiva e non sabían a quen facelo”.

O Concello –seguindo sempre o relato do alcalde– púxose de novo en contacto cos membros da oposición, que lles contestaron que nomearían ao seu representante “en seguida”. Non obtiveron resposta, polo que volveron a lembrarlles o tema nas comisións informativas previas ao pleno do pasado xoves, e “de novo” dixéronlles que o arranxarían “de inmediato”. Fixeron o mesmo cando recibiron a convocatoria do pleno da Mancomunidade, pero “os días pasaron e a súa resposta nunca chegou”.

“Esperamos que esta situación non queira dicir que os asuntos da Mancomunidade non teñen interese para oposición grovense”, rematou concluíndo Miguel Pérez.

O mesmo coa Mesa Local de Comercio

No pleno de organización no que se debía decidir cales serían os representantes do Concello na Mancomunidade, tamén figuraba a designación dos representantes políticos na Mesa Local de Comercio, órgano colexiado no que a oposición tamén conta cun representante, pero que “tampouco foron quen de nomealo ata o de agora”, criticou Pérez, quen xa anunciou que se non coñecen ese nome nos próximos días, convocaran á Mesa sen a súa participación

No hay comentarios: