Noticia publicada en todogrove.com
Unha representación meca comandada polo alcalde, Miguel Ángel Pérez, trasladouse na mañá deste martes ata as proximidades da Serra do Xurés, para proceder a unha presentación da XLVIII Festa do Marisco do Grove no Concello de Lobios, á que acudiron representantes de diferentes concellos da Baixa Limia e tamén do outro lado da fronteira.
Satisfeito amosábase Pérez horas despois de completar este acto de promoción, ao que acudirá, como el mesmo recoñecía, “máis xente da que me esperaba”. No Concello de Lobios, ata o que tamén se trasladaron os presidentes de Emgrobes, José Besada; e CIT, José Manuel González Benavides; e o hostaleiro Rafael Mourelos, o alcalde presidiu unha rolda de prensa na que compartiu mesa co delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; do vicepresidente da Deputación Provincial, Rosendo Fernández; e da alcaldesa desta vila, María del Carmen Yáñez.
Pero ata Lobios non só acudiron os medios de comunicación, senón tamén os representantes doutros municipios da comarca, como Entrimo, Muiños, Lobeira, Bande ou Celanova. E tamén, como non podería ser doutro xeito, autoridades de varios municipios portugueses aos que só separa destas terras ourensás a Serra do Xurés –parque natural que tamén estivo representado no acto polo seu director-. Así pois, non só cruzaron a raia para este acto os representantes de Arcos de Valdevez, municipio homenaxeado este ano no Día de Portugal deste certame gastronómico, senón tamén os dos próximos Ponte da Barca e Ponte da Lima. Mesmo se atopou a comitiva meca co neto do que fora o arquitecto do Gran Hotel da Toxa, Vázquez Gulías, que reside por estas terras da Limia, e quen tampouco quixo faltar a un evento que, como é mester, se completou coa pertinente degustación.
Así pois, entre a afluencia de xente ao acto, e a “sorpresa” que se levou ao comprobar non só o “alto coñecemento” do Grove que se gastan pola Baixa Limia senón tamén ao coñecer que moita xente desas terras pasa o verán polo Salnés, Pérez retornou satisfeito dun acto que tiña un único obxectivo, “axudar na promoción do evento” a ambos lados da fronteira.
No hay comentarios:
Publicar un comentario