Noticia e fotografías publicadas en todogrove.com
Así o estimou o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, na visita que este venres realizou ao centro educativo grovense, onde a Consellería pretende levar a cabo unha importante reforma, que “polo menos” permitise o arranxo de todas as deficiencias que presenta unha escola construída no ano 1969 e que conta na actualidade con máis de trescentos alumnos.
Na súa visita de hoxe, o conselleiro observou con detemento as instalacións do centro acompañado polo delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís; do xefe provincial de Educación, César Pérez; do alcalde, Miguel Pérez, das concelleiras Laura Besada, Marta Domínguez, Aida Filgueira e do concelleiro Alexandre Aguín; do director do Rosalía, Alfonso Abel Souto; e das representantes da ANPA.
Ao longo do presente verán desenvolveuse nesta escola grovense a primeira fase deste proceso de reformas, que supuxo un investimento próximo aos 185.000 euros e englobou o retellado –que, como recalcou Vázquez, era unha actuación “moi importante” para evitar filtracións–, reforma da sala de caldeiras e do sistema de calefacción, adaptación da instalación eléctrica á normativa europea, actuacións no saneamento e fontanería, e a renovación de varios dos baños do centro.
Agora, as obras deteranse ata o remate do próximo curso escolar, cando se procederá coa segunda fase dos traballos comprometidos, que segundo explicou o conselleiro será a “máis importante”, xa que suporá un investimento superior ao medio millón de euros. No verán de 2012, as obras centraranse en mellorar a fachada e a estrutura do centro, renovar a carpintería e acometer outra serie de actuacións internas, como a renovación dos baños que non se substituíron este verán.
Finalmente, está previsto que a reforma conclúa no verán de 2013 cunha terceira fase que implicaría, entre outras cuestións, a renovación do vello ximnasio do centro, e que, segundo as estimacións da Consellería tería un custo superior aos 400.000 euros.
Por todo isto, Vázquez fixo énfase na súa visita de hoxe na importancia dunha reforma que era unha “demanda de toda a comunidade escolar”, e que “nun momento difícil” era obrigado acometer por fases, posto que “doutro xeito sería inviable”, primeiro polo custoso da operación, e en segundo lugar, por que obrigaría a pechar o centro, e resultaría “imposible asumir a todo o alumnado noutro centro, aínda que fose por un período moi curto de tempo”, engadiu.
Comedor escolar
Novamente, a visita política ao Rosalía serviu tamén para falar das vivendas que subsisten no seu patio posterior e na necesidade dun comedor para o centro. Vázquez asegurou que a Xunta comparte a idea da ANPA de que ese inmoble sexa empregado para a construción do devandito comedor, e amosouse favorable a actuar na planta baixa dun edificio en “desuso”, para construír alí unha serie de “espazos”, que servisen non só para o comedor senón para contar tamén con outras salas e cun almacén, aínda que precisou que se trata só dunha “posibilidade” na que traballarán e á que aínda non se lle poden atribuír “datas concretas”.
Sen novidades na Lanzada
Por outra parte, o conselleiro tamén foi preguntado respecto da creación nas instalacións da futura Pousada da Lanzada dunha Escola Regulada de Hostalería, cuestión sobre a que Educación chegara no seu día a un “principio de acordo” coa Deputación.
“Estamos a analizar esa situación para mellorar a oferta educativa do Grove, pero de momento non hai ningún avance nese sentido”, respondeu Vázquez.
No hay comentarios:
Publicar un comentario