Noticia publcada en todogrove.com
sábado, 27 de agosto de 2011
O alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez, resposta ás críticas publicadas nos medios de comunicación por Jose Antonio Cacabelos e reitera “a legalidade” da praza de auxiliar administrativo adscrito á área de recadación. “O procedemento é legal, e proba disto é que do contrario, tanto o BNG como o PSOE xa estarían denunciando o proceso nos xulgados e non nos medios de comunicación”, declara. Asemade, informa ao PSOE de que non se está aumentando a plantilla, senón que se vai cubrir un posto previsto e vacante desde hai anos.
O alcalde aclara que non hai ningún informe contrario por parte dos departamentos xurídicos do Concello, “situación que sucedía con frecuencia cando el era o responsable”. Recorda, neste sentido, unha das últimas contratacións que fixeron. “Para cubrir a praza de auxiliar de museo, o comité de empresa tirou ata en dúas ocasións as bases que propoñían PSOE e BNG, porque estaban feitas especificamente para o candidato que eles propoñían”.
No que respecta ás “prácticas de amíguismo, non hai máis que mirar atrás nos últimos catro anos e comprobar cales eran as prácticas habituais que seguían Cacabelos e o seu compañeiro de goberno do BNG para colocar en diferentes postos aos seus familiares e amigos”. Miguel Ángel Pérez engade que “si quixéramos contratar a unha persoa afín ao Partido Popular, teríamos que usar os seus métodos. E o que nós fixemos foi un concurso aberto, publicitado e libre, que posibilitou que 42 persoas presentaran a súa solicitude”. Os méritos destes candidatos serán valorados por funcionarios de carreira “e non por políticos como facían na súa etapa e en contra da lexislación vixente”, apunta o rexedor municipal. “E con actuacións tan vergonzosas como citar a candidatos nos bares, cuestión que o propio Cacabelos tivo que chegar a denunciar”, puntualiza.
Ante todo o exposto, Miguel Ángel Pérez declara que “non acepto ningún tipo de críticas sen razón, sobre todo cando para criticarnos usan conscientemente argumentos falsos”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario