Nova publicada en todogrove.com
O primeiro pleno ordinario do novo mandato, convocado para o vindeiro xoves 28, terá como punto central da súa orde do día a anulación dos trámites urbanísticos realizados no anterior mandato de cara a construción do centro de día nos terreos de As Touzas.
O Goberno que lidera Miguel Ángel Pérez xa denunciara no seu día que o Plan Especial de Infraestruturas que os anteriores responsables municipais aprobaran para poder proceder á construción da devandita infraestrutura non era acorde á lexislación, polo que sería preciso iniciar de novo a tramitación.
O primeiro paso será a anulación da aprobación definitiva deste plan, que o tripartito acometerá no pleno do vindeiro xoves, posto que os anteriores responsables municipais “non levaron o procedemento como debían”, e “saltáronse varios pasos”, como o de requirir os “informes preceptivos” de Patrimonio, Urbanismo ou do POL, o que motivou un requirimento de nulidade da Secretaría Xeral de Urbanismo, explicou Pérez.
Por todo isto, o alcalde considera este trámite “nulo de pleno dereito”, e defende retomalo desde o comezo, para facelo “como solicitou a Xunta”. O primeiro paso será anular o acordo plenario no que se acordou a súa aprobación definitiva, posteriormente requiriran un informe ao respecto ao Consello Consultivo, e finalmente iniciarán de cero a tramitación deste Plan Especial de Infraestruturas, unha serie de pasos que Pérez agarda poder ter rematados no prazo de tres ou catro meses.
Un plan para unha infraestrutura
No anterior mandato, o Goberno que presidía o socialista José Antonio Cacabelos tentou aprobar un Plan Especial de Infraestruturas que permitise a construción na devandita parcela tanto do centro de día como do centro de saúde, mais a Xunta non llo aprobou, e finalmente optou por aprobalo para só unha infraestrutura, o centro de día, que pretendían financiar a través dunha operación de crédito na que se incluía unha partida de 600.000 euros para esta infraestrutura.
Agora, o novo Goberno retomará os trámites desde o comezo pero tamén coa idea de habilitar o plan só para esta infraestrutura, posto que, como recalcou Pérez, existen fondos para empezar a construír este centro “canto antes”.
O centro de saúde quedará pois para máis adiante, pero a intención do alcalde é que sexa erixido tamén neses mesmos terreos, posto que “hai espazo suficiente”. O problema é que a tramitación urbanística é desta volta un “proceso moito máis longo e moito máis complicado, pero non imposible”, destacou Pérez, que mesmo chegou a apuntar á posibilidade de que sexa precisa unha modificación do coñecido como ‘decreto Cuiña’ –que anulou as normas subsidiarias polas que se rexía o urbanismo na vila–, ao tempo que tamén criticaba que a construción nas proximidades da avenida de Portugal dun “vial ilegal” está a “entorpecer” tamén esta cuestión.
No hay comentarios:
Publicar un comentario