domingo, 12 de junio de 2011

Pérez recupera o bastón de mando

Nova e fotografías procedentes en todogrove.com

O popular Miguel Ángel Pérez foi investido este mediodía como alcalde grazas ao apoio dos sete edís do PP e dos representantes do Partido Galeguista Demócrata, Alfredo Bea, e Alternativa Meca, Aida Filgueira. No seu discurso, o novo rexedor grovense fixo énfase na necesidade de “ser ambiciosos” a pesares de atravesar “tempos difíciles”.

Ás doce do mediodía, o secretario municipal, Francisco Javier Novoa, deu inicio a un pleno extraordinario que tiña por obxecto constituír a nova Corporación e nomear ao que será o alcalde do Grove nos próximos catro anos, para o que procedeu a constituír a mesa de idade, da que formaban parte o edil de maior idade e o máis novo, que neste caso foron o socialista Juan Otero e a popular Laura Besada.

A continuación, os dezasete edís tiveron que proceder a xurar e/ou prometer o seu cargo –trámite que a maioría dos concelleiros solucionaron cun “prometo”, a excepcións dos populares Miguel Ángel Pérez, Manuel Ochoa, Carlos Otero e Alexandre Aguín, que xuraron e prometeron; Alfredo Bea, que só xurou; e da socialista Ángeles Domínguez, que tamén xurou, pero con certo humor­, “cho xuro”.

Finalmente, chegouse ao auténtico miolo da cuestión, a votación para o nomeamento do alcalde, na que non houbo sorpresas, e cumpriuse co pacto que Bea e Filgueira asinaran onte co PP para entrar a formar parte dun Goberno liderado por quen xa fora alcalde do municipio entre 1999 e 2007, Miguel Ángel Pérez García.

Tras ser investido alcalde, Pérez destacou no seu discurso que “hoxe comeza un longo camiño, por veces difíciles, no que tratarei de defender os intereses de todos os grovenses”. Por iso, amosou o seu desexo de poder chegar ao “final” dese camiño coa “satisfacción do traballo feito”.


Así mesmo, fixo énfase en que se aveciñan “tempos difíciles para calquera administración”, pero precisou que “non por iso hai que deixar de ser ambiciosos”, ao tempo que avanzaba que os obxectivos do Goberno que liderará estarán tanto na consecución das sempre demandadas infraestruturas como nun traballo máis próximo ás persoas e ás familias.

Finalmente, Pérez concluíu a súa intervención facendo público o seu agradecemento á Corporación saínte e ao seu alcalde, José Antonio Cacabelos, polo “esforzo e dedicación que demostraron” e que, engadiu, “estou seguro que foi sempre para conseguir o mellor para todos os grovenses”.

Así rematou un curto e multitudinario acto que encheu ata a bandeira o salón de plenos da Casa Consistorial, momento que Cacabelos aproveitou para amosarlle ao secretario municipal polo feito de que só se votase a candidatura de Pérez, e nin os seis concelleiros socialistas nin os representantes de BNG e EU tivesen opción a levantar a man para apoiar outra candidatura. “Nos acaban de furtar o voto”, criticaba Cacabelos ás portas do Concello, nas que recoñecía que era “importante” que quedara reflectido no acto de hoxe o apoio destas dúas forzas políticas –ás que agradeceu á súa coherencia e responsabilidade–, a súa candidatura.

E agora para a Deputación

Mentres Pérez vivía o que eran os primeiros minutos do seu terceiro mandato, Cacabelos recoñecía que o seu novo destino estaba na Deputación de Pontevedra, despois de que a Executiva socialista acordase que el sería o representante do Salnés, cargo que asumirá co obxectivo de “traballar polo PSOE e defender os intereses dos veciños do Salnés”.

Previamente, quixo outorgar un “voto de confianza” ao novo Goberno local, para acto seguido criticar que a persoa que “máis criticaba” os tripartitos, agora lidere un que “non necesitaba, porque sabía perfectamente que nin Aida Filgueira nin Fredi Bea me ían apoiar”.

Para Cacabelos, a coalición que hoxe cobrou tintes oficiais é un “tripartito falaz” entre xente que “leva anos criticándose”, e por iso vaticinou que “en breve vai haber cambios neste Goberno”.

Tamén houbo críticas para Filgueira, quen lles trasladara “que xamais pactaría coa dereita, xa que era unha política de esquerdas, que non se fiaba nin de Miguel Pérez, nin de Alfredo Bea, nin de Víctor Otero (xefe de Protección Civil e número dous do PGD). De feito, asegurou que unha das condicións que lle puxo a representante de AMeca para pactar con eles, eran que Bea non estivese nese Goberno. Por iso concluíu que “o poder une moito”

No hay comentarios: