Nova publicada en Todogrove.com
Esta primeira fase dos traballos de mellora dunha instalación con máis de corenta anos de historia, xa practicamente concluída, supuxo unha inversión próxima aos 130.000 euros, e englobou a substitución da cuberta, reforma dos aseos, substitución de caños e melloras no tendido eléctrico e na calefacción.
O responsable de Educación lembrou que estas obras son froito do compromiso adquirido en xaneiro polo secretario xeral de Educación, Xesús Oitavén, coas representantes da ANPA do centro, que defenderon, na súa opinión, unhas “reivindicacións, xustas e lexítimas”.
César Pérez estivo acompañado na súa visita ao centro polo alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez, e pola concelleira de Educación, Laura Besada, así como por representantes da dirección do centro e da ANPA. O primeiro edil amosou a súa satisfacción por ver sobre o terreo os avances dunhas obras que “son unha reivindicación que a comunidade escolar mantén dende fai tempo”, e na mesma liña se amosou a directora do colexio, Dolores Lores, quen recoñeceu que se trata duns traballos de “moita envergadura” que suporán una mellora significativa nas condicións do centro.
Tamén se amosou satisfeita polo inicio deste proceso de reforma a presidenta da ANPA, Conchi Torres, quen lle transmitía ao xefe territorial a sorpresa que levaran os escolares ao atoparse cuns baños nos que as portas pechaban e nos que saía auga cando tirabas da cadea. Claro que os cativos non foron os únicos sorprendidos, posto que máis de un viu con curiosidade o feito de que esta reforma incluíse tamén un baño de minusválidos no primeiro andar dunha escola que non conta con ascensor nin ramplas de acceso.
Por outra banda, dende a ANPA tamén indicaron ao responsable de Educación que o Rosalía non conta cun patio cuberto, polo que, no inverno, os nenos vense obrigados a xogar nos corredores, e explicáronlle tamén que é o único colexio do Grove que non conta con comedor escolar.
Ademais de tomar nota das súas peticións, César Pérez tamén se comprometeu a realizar as xestións necesarias para que o CEIP poida optar no próximo curso a entrar a formar parte do proxecto Abalar da Consellería, que busca a dixitalización dos centros educativos, unha solicitude que no pasado curso foi denegada.
Tralo remate desta primeira etapa, quedan pendentes outras dúas fases neste proceso de reforma que se acometerán nos vindeiros veráns. En 2012, chegará o momento de reforzar a cimentación, cambiar a soleira e substituír a carpintería exterior, e finalmente en 2013, procederase a renovación do vello ximnasio do centro.
Significativa doazón da ANPA
O Rosalía vai mellorando paso a paso, pero non só grazas aos fondos da administración. A Asociación de Nais e Pais do Alumando ven de destinar preto de 9.000 euros a este centro, dos que preto de 7.000 foron para a adquisición de material escolar e algo máis de 2.000 serviron para comprar 12 ordenadores. Esta significativa doazón ten a súa orixe no belisco que a Lotería de Nadal e de Reis deixou ao número da ANPA, e que rematou por se converter nun diñeiro significativo grazas á colaboración de moitos veciños e veciñas que renunciaron a cobrar a súa participación.
O colexio conta xa con novo director
Este mesmo xoves, Alfonso Abel Souto foi nomeado novo director do Rosalía, un cargo do que tomará posesión, ao fronte dun equipo directivo totalmente renovado, o vindeiro 1 de xullo. Abel toma o relevo de Dolores Lores, quen asumiu esta función durante os últimos dez anos.
A problemática do Conminiño
O Rosalía de Castro non era a única parada de César Pérez na súa visita á vila. Tras abandonar o colexio, tanto o representante da Xunta como os responsables do Goberno local dirixíronse ao Concello para manter unha xuntanza coa directiva da ANPA do CEIP Conminiño, que desde hai un tempo ven reclamando á Consellería que lles permitan optar á xornada única, horario co que contarán todos os colexios grovenses agás eles no vindeiro curso.
Minutos antes de acudir a esta reunión, César Pérez resaltaba que Educación vai “analizar” esta situación, e recalcaba a súa vontade de chegar a un “entendemento” no que “algún terá que ceder”. O xefe territorial recoñecía que os horarios e as rutas do transporte escolar eran os dous principais condicionantes á hora de facer realidade a demanda de pais e nais.
Na xuntanza, os representantes da ANPA presentaron a Pérez –quen estivo acompañado polo inspector de Transporte– unha proposta na que contemplaban que a xornada escolar do Conminiño quedase fixada en horario de 9.00 a 14.00 horas, aínda que na reunión tamén se abordou como outra opción que o período lectivo fose entre as 9.20 e as 14.20 horas.
Dende a ANPA deste colexio, postularon unha modificación das dúas rutas de transporte escolar fixadas para o municipio, para que unha pasase de cubrir o IES Monte da Vila e o CEIP Bizocas a transportar ao alumnado tanto do instituto como do colexio de San Vicente, mentres que na segunda –que actualmente cubre o IES Bizocas, CEIP Conminiño e CEIP Valle Inclán figuraría o alumnado do Monte da Vila, Valle Inclán e do propio Conminiño.
Como explicou a concelleira Laura Besada, os representantes da Xunta comprometéronse a estudar a alternativa formulada pola ANPA, quen a súa vez amosou a súa “total flexibilidade” para modificar o horario proposto e axustalo así as necesidades das rutas de transporte.
Besada fixo énfase na importancia de “buscar unha solución” a esta situación, e valorou a “disposición” amosada polos representantes da Consellería, pero recoñeceu que será “difícil” que o próximo curso poida implantarse esta xornada única, posto que sería preciso previamente someter esta cuestión a votación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario