jueves, 23 de junio de 2011

Louzán inaugura na Lanzada a tempada de campamentos de verán

Nova publicada en Todogrove.com

O presidente da Deputación Provincial visitou esta mañá o Centro de Vacacións da Lanzada para proceder a inaugurar uns campamentos de verán polos que pasarán 2.500 nenos e nenas de toda a provincia nos próximos meses.


Centos de nenos e pais acompañaron a Louzán no primeiro acto desta iniciativa estival da institución provincial, que, ademais do discurso de rigor, incluíu diferentes actividades, xogos e charlas explicativas sobre o funcionamento destes campamentos polos que entre xullo e comezos de setembro pasarán 2.500 nenos divididos en dez quendas de sete días, segundo informou a Deputación nun comunicado.

O custe por participante nestes campamentos –para os que se recibiron máis de 5.000 solicitudes– é de 68 euros, “o máis baixo de Galicia”, sinala a institución provincial. Ao longo dunha semana, os acampados poderán gozar de numerosas actividades lúdicas, deportivas, ou vinculadas á natureza, así como de saídas á praia ou dunha viaxe ás Ons.

Na súa intervención, o presidente provincial fixo fincapé no “crecemento exponencial que experimentaron” estes campamentos, que “fai cinco anos tiñan 400 rapaces e agora contan con 2.500 cativos”, o que segundo Louzán “evidencia a calidade do servizo que se presta nestas instalacións”.


A Deputación ven organizando esta iniciativa na Lanzada dende fai aproximadamente vinte anos, como engade a nota. Inicialmente, estaban unicamente dirixidos aos rapaces e rapazas dos municipios do interior, pero na actualidade, a oferta está aberta a todos os concellos, xa que, explican, “ademais do coñecemento do mar ofértanse outras moitas actividades que son de interese para todos os nenos”

No hay comentarios: