Artigo publicado en todogrove.com
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo na mañá do mércores un encontro cos representantes do novo Goberno local, que encabeza o popular Miguel Ángel Pérez, ao que ofreceu a súa colaboración para poder levar a cabo diferentes proxectos como a construción da EDAR ou do pavillón de deportes.
Desde o Goberno local solicitaron a Cores Tourís a colaboración do Executivo galego para botar a andar “de inmediato” todos eses proxectos que xa foran recollidos no acordo de Goberno que Pérez asinou cos representantes de PGD e AMeca, en presenza do propio delegado territorial, e que constitúen a “principal motivación” dos novos responsables do Concello.
Proxectos como o centro de día ou o pavillón de deportes foron abordados nesta xuntanza, a cuxo remate Pérez explicaba que nos próximos días concertarán entrevistas cos responsables dos diferentes departamentos do Goberno autonómico para abordar estas diferentes cuestións.
Cores Tourís, que nestes días está a realizar unha rolda de visitas polos trece concellos da súa area de competencia que cambiaron a súa alcaldía tralas pasadas municipais, expresou a súa vontade de poñerse “a disposición” dos novos mandatarios mecos para continuar coa colaboración que mantén co Concello do Grove, como xa fixera no seu día, engadiu, co anterior rexedor, José Antonio Cacabelos, lembrando daquela época que o “primeiro problema importante” que tivo na vila, as obras da rúa Xoán XXIII, onde “tivemos que facernos cargo a parte que o Concello tiña firmada por convenio”, precisou.
O representante do Goberno galego destacou –segundo recolle un comunicado da Xunta– que Pérez lle solicitou a súa colaboración “para que os técnicos da Consellería de Traballo comproben se o proxecto que está a redactar o Concello” para o futuro centro de día “se adapta á normativa”, ao mesmo tempo que tamén se comprometeu a falar co secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, para que “nas próximas semanas” poida visitar o municipio e retomar o proxecto do novo pavillón de deportes.
Por outra parte, Cores Tourís tamén fixo fincapé en cuestións como o proceso de contratación dentro do Plan Galego de Cooperación –cun custo próximo aos 260.000 euros– dun total de 25 desempregados que realizarán, ata o próximo mes de decembro, tarefas que se inscriben na area de Emerxencias, vixilancia das praias e de operarios de servizos varios.
Ademais, anunciou que o mércores da próxima semana, o xefe territorial de Educación, César Pérez, manterá unha xuntanza co alcalde que terá por obxecto abordar diferentes cuestións relacionadas con esta materia, como as obras que se están a levar a cabo no colexio Rosalía de Castro, ou a “preocupación” existente na comunidade escolar do Conminiño ante a imposibilidade de optar a unha xornada única, unha cuestión que Miguel Pérez definiu coma “urxente”, aínda que recoñeceu que a posibilidade de implantala de cara ao curso que comezará en setembro “parece descartada”.
A EDAR, en marcha
Outro dos proxectos abordados na xuntanza de hoxe foi a construción da Estación Depuradora de Augas Residuais, para a que, como explicou Pérez, xa está iniciado un proceso de expropiación dos terreos nos que se asentará a planta, un “proceso complexo e longo” ao que o novo goberno dará continuidade tras estar un pouco parado nos últimos tempos, engadiu. Este trámite está pendente dunha serie de informes xurídicos, polo que Pérez descoñece a data exacta na que eses terreos poderán quedar finalmente a disposición da empresa adxudicataria das obras, aínda que matizou que non será en menos de dous ou tres meses.
Unha vez, a ocupación deses terreos sexa efectiva, as obras de construción da planta poderían prolongarse por un período aproximado dun ano, segundo engadiu o alcalde, quen destacou que o resto de traballos xa están practicamente rematados


No hay comentarios:
Publicar un comentario