Nova publicada en Todogrove.com
A concelleira de Comercio e Mercados, Marta Domínguez, mantivo o pasado luns unha primeira xuntanza cos representantes desta asociación empresarial, quen lle trasladaron á necesidade de reconstituír con urxencia a Mesa Local de Comercio.
Segundo informou este xoves o Concello nun comunicado, Domínguez convocou esta xuntanza co obxectivo de “presentarse oficialmente e escoitar os proxectos e iniciativas da entidade”. A nova responsable de Comercio amosou a Emgrobes nesta xuntanza a súa “total disposición” e comprometeu “apoio e diálogo” con este colectivo empresarial.
Unha das cuestións que desde Emgrobes trasladaron á responsable municipal foi a necesidade de restablecer a Mesa Local de Comercio, constituída no anterior mandato, e que, tralas eleccións, precisa “actualizar os nomes dos seus representantes políticos”. Segundo a nova Lei de Comercio da Xunta, este órgano colexiado debe estar en funcionamento para poder realizar iniciativas como feiras de oportunidades, motivo polo que o colectivo que preside José Besada solicitou a Domínguez á máxima celeridade posible nesta cuestión. Finalmente, esta modificación será abordada no pleno extraordinario deste xoves.
Por outra banda, a concelleira destacou ante os empresarios o compromiso dos novos mandatarios para que o Plan Estratéxico do Grove sexa “unha guía de goberno para os próximos catro anos”.
Domínguez manterá nos próximos días novas xuntanzas co resto de colectivos económicos e empresariais da localidade, empezando pola Asociación da Praza de Abastos, coa que podería reunirse esta mesma semana.
No hay comentarios:
Publicar un comentario