miércoles, 15 de junio de 2011

Louzán visita as obras da Pousada, que será xestionada en réxime de concesión

Nova publicada en todogrove.com

O presidente de Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, visitou este martes as obras que se están a realizar no Centro de Vacacións da Lanzada para convertela nunha das Pousadas do Salnés, e defendeu estes traballos como unha “inversión” que xerará emprego ao tempo que avogaba porque a súa xestión sexa realizada a través dunha concesión administrativa.
Acompañado polo alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez, Louzán realizou na mañá do martes un breve percorrido polo interior do antigo sanatorio, co obxecto de coñecer como están a avanzar as obras que alí está a realizar a empresa Construcciones San José co obxecto de converter o danado Centro de Vacacións nunha instalacións hoteleira con 23 habitacións totalmente accesibles para persoas con problemas de mobilidade. Segundo explicou Louzán a pé de obra, estes traballos avanzan segundo o ritmo previsto e englobarán a renovación de toda a carpintería exterior, o repicado do encintado exterior do edificio, ademais da redistribución dos espazos interiores.

Unha vez rematados, as dependencias da Lanzada pasarán a ser un dos catro establecementos hostaleiros do proxecto Pousadas do Salnés, que segundo explicou hoxe o responsable da Deputación de Pontevedra, darán traballo a entre 100 e 150 persoas. Por iso, defendeu que este proxecto, financiado nun 80% con fondos europeos, non é “un gasto, senón unha inversión que debe producir rendibilidade para a comarca”, potenciando un segmento de mercado, o chamado “turismo accesible”, que ata o de agora “non tiña ningunha posibilidade” no Salnés por non contar con “instalacións axeitadas”.

En réxime de concesión

Poñendo como exemplo a concesión administrativa da pousada do Castelo de Soutomaior, que segundo explicou reporta á Deputación uns beneficios superiores aos 120.000 euros anuais, Louzán destacou que “esta iniciativa debe ser posta en marcha por axentes externos á propia Deputación”. Así mesmo, lembrou que un dos obxectivos fixados no acordo que no seu día asinara coa comisión veciñal inicialmente oposta á construción desta Pousada foi a continuidade e a potenciación da formación en hostalería que alí se viña impartindo, e por iso avogou por que a súa xestión dependa dunha “concesión mixta”, pola que, ademais de ser un establecemento hostaleiro “de gran nivel”, será tamén un espazo “no que poidamos formar aos traballadores da comarca”.

O presidente da Deputación provincial tivo palabras de eloxio para o colectivo veciñal e a súa “feliz iniciativa”, e apostou por lograr o “consenso de todos” para unha “instalacións que vai traer riqueza e emprego e toda a comarca”

Por diante, queda ver “como podemos compatibilizar” os usos desta instalación que pretenden converter nun centro regulado de formación en Hostalería, para o que desde a Deputación están a manter diferentes conversas coa Xunta de Galicia, conversas que, segundo engadiu o presidente do ente provincial, van polo “bo camiño”. A este respecto, apuntou á existencia de “algunha complexidade desde o punto de vista operativo”, que tentaran solucionar.

Obras e campamentos

Louzán tamén explicou que as obras que se están a realizar non impedirán que 2.200 cativos de toda a provincia poidan gozar nestas instalacións dos campamentos de verán que cada ano organiza a Deputación. O presidente do ente provincial explicou que os participantes non estarán na propia zona de obras, senón que un muro de pedra separará a zona da Pousada do espazo no que se situarán as tendas de campaña. Así mesmo, reiterou a vontade da Deputación de ampliar “na medida do posible” o número de prazas destes campamentos.

A historia do edificio, recollida nun libro

O presidente da Deputación tamén anunciou que “hai un mes” encargou un libro sobre a historia do sanatorio da Lanzada, que abordará toda a historia deste edificio construído na primeira metade do século XX, para albergar a enfermos de tuberculose. Este traballo completarase cunha serie de “espectaculares imaxes” procedentes do Museo de Pontevedra.

No hay comentarios: