martes, 3 de mayo de 2011

Os armadores críticos co proxecto do porto deportivo reuníronse cun técnico de Portos

Nova e fotografías publicadas en www.todogrove.com
Texto: I. Rodríguez | Fotos: M. Muñiz


O enxeñeiro-xefe de Portos de Galicia mantivo na tarde deste martes unha xuntanza con algún dos armadores que se amosou en contra do proxecto de ampliación do porto do Corgo, e á que tamén asistiron representantes do PP local


Foi precisamente este partido quen informou desta reunión celebrada ás sete e media da tarde na sede de Portos de Galicia no municipio, que tiña por obxecto que o representante do organismo autonómico puidese recoller as impresións deste colectivo respecto da alternativa finalmente escollida por este ente para ampliar o porto do Grove, e que pasa por construír un novo dique no Con das Señoritas, a onde irá a parar a flota pesqueira, e levar a náutica de recreo á zona actual, suprimindo boa parte do dique existente.

Unha alternativa coa que discrepa este colectivo, que –segundo explicou o PP nun comunicado– “en ningún momento se opón” a nova dársena, se non que se amosa contrario ao proxecto porque “entenden que na mesma non se dan tódalas condicións de abrigo e seguridade para albergar á flota”.

Por iso, na xuntanza deste martes deron a coñecer ao responsable técnico de Portos as melloras que entenden necesarias para que a nova infraestrutura se “axuste o máis posible ás necesidades dos sectores produtivos” e que as súas condicións de abrigo “non dean lugar á desconfianza por parte dos futuros usuarios”.

Estas demandas foron recollidas polo PP, que informou que os armadores reclamaron a Portos que non elimine a parte prevista do espigón actual, xa que “entenden que restaría abrigo para os ventos do sur”; que “a solución ao dique de abrigo sexa na súa parte interior en forma de muelle de atraque e non de escollera”; que a protección na entrada do porto “non sexa a base de diques flotantes senón coa ampliación do dique a construír”; así como “estudar unha mellor solución de suxeición para os futuros pantaláns”.

Os populares, “atentos”
A formación que lidera Miguel Ángel Pérez tamén asegurou que Portos de Galicia “estudará as mellores propostas” antes de proceder coa mencionada ampliación do porto, mentres que eles estarán “atentos a calquera movemento” co obxecto de que o proxecto que finalmente se leve a cabo “sexa o mellor para os intereses dos sectores produtivos primeiramente” ao mesmo tempo que tamén permita conquerir a dársena náutico-deportiva “que necesitamos para unha cada vez máis crecente demanda”.


E mentres, o alcalde solicitando reunións
Unhas horas antes de que o enxeñeiro de Portos se reunise con armadores e representantes do PP, o alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, informou aos medios que viña de solicitar novamente unha entrevista co presidente deste ente, José Manuel Álvarez Campana, co obxecto de preguntarlle tanto polo proxecto do porto deportivo como pola continuidade do espigón “que os armadores do Grove viñan reclamando”. No seu sucinto comunicado, Cacabelos aseguraba tamén que quedaba “á espera da convocatoria desta reunión”, poucas horas antes de que outro representante do organismo dependente da Consellería do Mar abordase o tema a poucos metros da Casa Consistorial.

No hay comentarios: