Artigo publicado en Todogrove.com
Nun extensa e por momentos intensa sesión ordinaria, o pleno da Corporación grovense amosou na noite de onte luns o seu apoio ao acordo asinado entre o presidente da Deputación, Rafael Louzán, e os voceiros da plataforma veciñal, respecto da construción da pousada da Lanzada. Fíxoo, iso si, cos votos en contra de PSOE e BNG
Texto: I. Rodríguez Fotos: M. Muñíz
No tocante á construción deste polémico establecemento hostaleiro nas dependencias do antigo sanatorio da Lanzada, máis de un podería pensar que os políticos grovenses xa dixeron todo o que tiñan que dicir ao respecto. Pero parece que non é así, xa que na sesión do pleno de onte, as seis forzas con representación na Corporación empregaron nada menos que unha hora e vinte seis minutos en debater unha moción do Partido Popular que tan só invitaba á Corporación a sumarse aos obxectivos plasmados no comunicado conxunto que a finais do pasado ano Louzán asinou cos tres voceiros da plataforma veciñal responsable de mobilizacións en contra deste proxecto.
O voceiro popular, Miguel Ángel Pérez, definiu o citado comunicado como un “bo acordo”, polo que instou ao resto de forzas a alegrarse e sumarse ao mesmo, para así “darlle máis forza”. Subíronse ao carro o Partido Galeguista, Alternativa Meca e Esquerda Unida, engadindo todos eles os seus matices.
En primeiro termo, o voceiro do PG, o segundo tenente de alcalde Alfredo Bea, situou o seu voto favorable na “coherencia”, pero tamén quixo manifestar que “non é lóxico, nin lícito” que fose o PP quen trasladase ao pleno a devandita moción, posto que “o colectivo non llo pediu”. Bea atribuíu o pacto a un “espectacular salto da rá” efectuado por Louzán no último momento, e criticou que o Goberno local non fose recibido polo responsable da institución provincial para debater este asunto, ao tempo que recordou que nos tres anos e medio que leva no Goberno non conseguira ver a sinatura de Louzán ata este famoso comunicado.
O seu antigo socio de Goberno, Xan Lamelas, tamén expresou o seu apoio á cuestión, pero solicitando que ao texto se lle axúntase un informe técnico elaborado nos tempos nos que era concelleiro de Emprego, no que se analizaban as potencialidades dos hoteis escola. O representante de EU asegurou que esta iniciativa morrera no propio seo do Goberno local pola falta de apoio das outras tres forzas políticas. Nese intre, os voceiros de PSOE, BNG e PG amosaron a súa cara de sorpresa por algo que pensaban non sucedera. Bea mesmo lle chegou a parafrasear ao último representante español en Eurovisión para explicarlle que tan “pequeñito” debía ser o informe que nunca o viran. Na súa segunda intervención, Lamelas incidiu que foi Antón Mascato, quen puxo maior énfase en botar atrás a súa proposta, e este negou a maior, o que provocou un visible enfado do esquerdista, quen golpeaba a súa faciana ao grito de, literalmente, “moita cara tedes, joder”.
Esta emenda foi aceptada, ao igual que a solicitada pola voceira de Alternativa Meca, Aida Filgueira, na que solicitaba que a Deputación, o Concello e o Goberno galego sexan convocados para asinar un convenio de colaboración que permita facer “máis real” a intención de instalar na Lanzada unha escola regulada de hostalería.
No lado contrario da balanza situáronse PSOE e BNG. O edil desta última formación Antón Mascato iniciou a súa intervención felicitando a Louzán por convencer a persoas con traxectorias políticas “impecables” para “firmar cheques en branco que non podemos avalar”. O edil acusou ao presidente da Deputación de non ter “o máis mínimo respecto institucional” e criticou tamén a actuación dos tres voceiros da plataforma, Xan Caneda, Maricarmen Cacabelos e Queco Fresco, que decidiron firmar “sen levar o escrito á asemblea”.
Por outra parte, Mascato tamén insistiu que a cesión dos terreos á Deputación de Pontevedra por parte dos veciños non foi acorde á legalidade, polo que considera existen “vicios de nulidade en todo o proceso”, polo que non descarta que a fiscalía actúe, porque “cremos sinceramente que se pode estar a cometer unha enorme prevaricación”.
Nunha liña similar se pronunciou José Antonio Cacabelos, quen cualificou o comunicado conxunto como un “novo acto dentro da comedia montada por Louzán”, aínda que recoñeceu como “positivo” o paso dado pola plataforma. O rexedor incidiu no feito de que o Concello do Grove aínda non recibiu información do que se pretende facer na Lanzada, e asegurou que o presidente da Deputación está nestes intres a “xogar as súas cartas”, pero estas “non son ás da mesa”, senón as que leva “na manga”. Puxo por exemplo disto o feito de que Louzán sabe que en 2011 non haberá obradoiros de emprego “porque a Xunta os eliminou”.
Pérez pola súa parte espetoulle ao alcalde que fora “apartado da dirección” da devandita plataforma por un grupo de veciños, posto que os seus argumentos “non convencen a ninguén”.
Tramitación da EDAR
Antes de mergullarse no interminable debate anteriormente mencionado, o pleno acordou iniciar o trámite de información pública para a próxima expropiación por vía de urxencia dos terreos nos que se asentará a Estación Depuradora de Augas Residuais. Aínda así, Cacabelos incidiu en que continúa aberta a vía da negociación, a pesares de que tamén recoñeceu que no caso do principal propietario, o acordo económico presúmese practicamente imposible.
Esta medida non foi apoiada polo PP, que considera unha “necesidade” esta estación, pero non comparte a decisión de cambiar de emprazamento tomada polo Goberno local; e por Alternativa Meca, quen solicitou ao secretario do Concello información respecto de si será preciso contar cun ditame do Consello da Xunta para continuar co procedemento, e quen tamén criticou que o Goberno non contactara coa “maioría” dos propietarios afectados.
Unha reviravolta ao estado do benestar
Entre Pousadas e Estacións Depuradoras, coláronse tamén na orde do día dous puntos relativos ás políticas sociais que están a executar os Gobernos estatais e autonómicos. En primeiro termo, o BNG levou unha moción na que denunciaba os recortes en políticas sociais acometidos pola Xunta de Galicia nos seus orzamentos deste ano, que foi apoiada por todos os grupos a excepción do PP, que reclamaba unha emenda que non foi finalmente aceptada.
Este punto tamén contribuíu a un novo cruce de acusacións na maratoniana sesión de onte. A primeira en disparar foi Aida Filgueira, quen considerou “arriscado” que o Goberno local demande medidas á Xunta cando eles están a “recortar” ou mesmo a “suprimir” partidas relacionadas coa asistencia social. O líder do PP, Miguel Ángel Pérez, quen achacou todos os recortes ao Goberno do Estado, tamén incidiu nestas mesmas cuestións e considerou un “atrevemento” a moción presentada polo tenente de alcalde Álvarez Besada. Este indicou ao respecto que o gasto municipal no eido social pasou do 3,8 por cento do orzamento no último ano do anterior mandato ao 8,6 do pasado 2010.
Por outra parte, Filgueira tamén fixo énfase nos problemas laborais que atravesan as traballadoras do Servizo de Asistencia no Fogar, dos que Cacabelos afirmou ser “consciente”. O alcalde tamén anunciou que na xunta de Goberno de hoxe resolverán o concurso en trámite, e se coñecerá por fin que empresa privada xestionará este servizo público ao longo do presente ano
E por si a política autonómica fose pouco, tamén houbo tempo para mergullarse na decisións do Goberno estatal en materia laboral. O PP levou ao pleno unha moción crítica coa decisión do Executivo que preside José Luis Rodríguez Zapatero de suprimir a prestación de 426 euros a parados de longa duración que pouco antes implantara. E claro, todo o mundo tivo algo que dicir.
En primeiro termo Aida Filgueira aproveitou para criticar á Xunta por suprimir as axudas que viña concedendo ás mariscadoras para que puidesen completar o seu período de cotización. Logo veu Alfredo Bea, que tamén apuntou contra o Goberno de Feijóo, o cal “algo poderá facer” para combater a elevada taxa de desempregados. En calquera caso, estes dous concelleiros si amosaron o seu apoio á moción do PP, algo que non fixo Xan Lamelas, e non por estar de acordo coa supresión do subsidio, senón por estar “farto do dobre discurso do PP”, que por momentos parecía un “partido de ultra esquerda”.
O voceiro do BNG, Carlos Álvarez, tamén definiu como “oportuna” e “demagóxica” a moción dos populares, e aproveitou a conxuntura para criticar con dureza o acordo para a reforma das pensións. O nacionalista condicionou o seu apoio á moción á inclusión de uns novos apartados, entre os que se atopaba solicitar a retirada do devandito acordo recentemente asinado polo Goberno e os sindicatos UGT e CCOO, uns puntos que foron aceptados por Miguel Pérez.
Así e todo, o único que quedaba na oposición era xa o voceiro da formación que propiciou a supresión das axudas, o PSOE. O alcalde foi o encargado de xustificar un voto contrario, e apelou á futura aprobación dunha nova axuda de 398 euros a parados, que na súa opinión, substituirá á suprimida. Ademais, este anunciado pagamento estará condicionado á realización de cursos de formación, polo que será preferible a anteriormente aprobada polo executivo socialista, que para Cacabelos favorecía “á economía sumerxida”.
“Veleta” non é un insulto, é unha actitude
Aínda que a orde do día non facía prever grandes sobresaltos, a sesión de plenaria de onte, de preto de catro horas de extensión, deu lugar a moitas escenas curiosas, algún que outro momento de humor, e múltiples cruces de acusacións varias. Un deles o protagonizado polo alcalde e Miguel Ángel Pérez. Cacabelos acusara ao voceiro popular de ser unha “veleta” que se move por un vento chamado Rafael Louzán, algo que levou ao ex alcalde a expresar a súa sorpresa polo feito de que o actual rexedor puxese tanto énfase en, segundo el, insultar á oposición. Pérez asegurou que “aos veciños non lles gusta que o alcalde se exprese desta maneira”, e Cacabelos, lonxe de dar marcha atrás, aproveitou para explicarlle que iso de ser un veleta non é un insulto, senón unha “actitude”.
Tamén houbo momentos de crispación, como o ex abrupto anteriormente mencionado de Xan Lamelas, quen, ademais, acabou a sesión plenaria esnaquizando o seu bolígrafo. Ao comezo da sesión, o voceiro de EU-EdeG tamén detivo por uns segundos unha das súas intervencións, incomodado polo feito de que Cacabelos estivese a conversar co secretario municipal en lugar de mirar para el. Ante a chegada do silencio, o rexedor optou por repetirlle a Lamelas as súas últimas verbas e demostrarlle así a súa capacidade para atender a dúas cousas a un tempo.
E ao final, tanto se falou e tanto se discutiu, que apenas quedaron uns quince minutos para a quenda de rogos e preguntas, momento no que todos os integrantes do Goberno, a excepción do Alcalde, dos dous tenentes de alcalde e da responsable de Obras e Servizos, aproveitaron para abandonar a sesión. Presupuñan que con tanta pregunta como alí se fixo, non lles ía quedar máis remedio que responder por escrito.
Sesión Ordinaria do Concello Pleno
Luns, 31 de xaneiro de 2011
Hora de comezo: 20.07 – Hora de remate: 23.48
ORDE DO DÍA
1. Aprobación se procede dos borradores das actas anteriores.
APROBADO
2. Dación de contas dos decretos da alcaldía emitidos desde a última sesión plenaria.
3. Adquisición dos terreos da EDAR.
APROBADO
Votos a favor: PSOE-BNG-PG- EU.
Abstencións: PP-A Meca.
4. Moción do BNG contra os recortes sociais nos orzamentos da Xunta de Galicia de 2011.
APROBADO
Votos a favor: PSOE-BNG-PG.
Votos en contra: PP
Abstencións: AMeca e EU.
5. Moción do PP de apoio ao acordo asinado pola Deputación e a plataforma veciñal ao respecto do proxecto Pousadas do Salnés.
APROBADO
Votos a favor: PP-PG-AMeca-EU.
Votos en contra: PSOE-BNG.
6. Moción do PP en contra da retirada da axuda de 426 euros aos parados de longa duración. APROBADO
Votos a favor: PP-BNG-PG-AMeca.
Votos en contra: PSOE
Abstencións: EU.
7. Mocións de urxencia.
8. Rogos e preguntas.
*Non asistiron Vitoria Canoura (BNG), Marta Domínguez e Fernando Meis (PP).
No hay comentarios:
Publicar un comentario