Noticia publicada en todogrove.com
O concelleiro do PP Alexandre Aguín reclamou aos integrantes do Goberno local que “pida publicamente perdón” por “usar fondos públicos para fins partidistas” no chamado ‘caso das listas vascas’, no que o popular foi imputado xunto co ex alcalde Miguel Ángel Pérez
Na quenda de rogos e preguntas do pleno celebrado o pasado luns, Alexandre Aguín recriminou ao Goberno local a súa actuación no chamado caso das listas vascas, un proceso xudicial iniciado despois de que catorce grovenses foran incluídos sen o seu consentimento nas listas do PP en varios municipios de Euskadi. Tanto o concelleiro como ex alcalde Miguel Pérez resultaran imputados neste procedemento, aínda que posteriormente foran exonerados. O tema chegou ao seu final en novembro do ano pasado, cando a única persoa finalmente imputada, Jesusa Otero, aceptou unha pena de dous anos de cárcere por un delito de falsidade documental.
“Finalmente, Otero admitiu a súa culpabilidade e pechouse o caso”, afirmou Aguín, que lamentou que, a pesares de que, “en ningún momento houbo ningunha proba que nos acusase”, os grupos que actualmente integran o Goberno “criminalizasen as nosas intervencións polo simple feito de estar imputados”. O edil popular aproveitou a situación para lembrarlle ao alcalde, José Antonio Cacabelos, que agora mesmo é el quen está imputado por tres presuntos delitos, polo que “debería ser o primeiro en pedir perdón”.
Por outra parte, Aguín tamén condenou o papel que desenvolveu o Concello neste proceso, no que se presentou como acusación, unha decisión que “tomou o señor alcalde, en lóxica conivencia co seu veciño de cadeira, o BNG, non pensando no ben nesta vila, senón no seu propio partido”, engadiu o popular, quen tamén esixiu a Cacabelos unha desculpa por “usar fondos públicos para fins partidistas”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario