martes, 25 de enero de 2011

A ineficacia e falla de xestión é unha constante do mandato de Cacabelos que trata de resolver culpando aos demais do que non é capaz de levar a cabo

Namentres se anuncian obras que nunca chegan, nun enfermizo intento por presentar algo de certa entidade aos grovenses, o alcalde non é capaz de arranxar un simple lavadoiro que dende fai máis de dous anos ameaza con caerse.

O Grove, 22 de xaneiro de 2011.- O lavadoiro do río da Gatiñeira sufriu importantes desperfectos estruturais como consecuencia da caída dunha árbore no seu teito, que o deixou destrozado, ao tempo que fixo correr os piares que o sustentan, atopándose nunha perigosa situación para aquelas persoas que seguen a facer uso do mesmo. Este suceso ocorreu fai máis de dous anos sen que ata o de agora se fixese nada por solucionalo.

O concello no seu día vallou a zona para advertir da perigosidade que se daba no lugar, pero dous anos despois, aquelas medidas están a ser rebasadas por moita xente ante a pasividade do concello.

É frecuente ver no lugar, persoas que fan uso do lavadoiro expóndose a un perigo certo e é por elo, que ademais de polo penoso aspecto que ofrece aquel elemento do noso patrimonio cultural e etnográfico, que solicitamos o seu inmediato arranxo.

Somos coñecedores de que a propiedade é da Comunidade de Montes de San Martiño, pero elo non debe ser xustificante para que non se bote man do asunto.

Do mesmo xeito que se creou unha concellaría de Patrimonio (que se supón é, entre outras cousas para velar por estes espazos) e se presume xunto con estas comunidades, da plantación de árbores e outras accións que eles levan a cabo, ben poderían gastarse uns poucos fondos no arranxo de elementos patrimoniais como este.

Así mesmo, o lado do lavadoiro existen un par de mesas cos seus bancos en pedra, que tamén teñen parte dos seus elementos rotos e tirados, e que urxen unha reparación.

Finalmente non estaría de máis que o lugar sufrira unha limpeza que deixara o conxunto visible e saneado.

Como xa temos recordado a concellería de cultura é curiosamente das que menos executa os seus orzamentos en distintos apartados, pero recordamos que dende o 2008 incluíron un apartado especifico denominado, “Cultura.Recuperación do Patrimonio”, que dotaron do seguinte xeito,

Ano 2008.................10.800 euros

Ano 2009................. 2.000 euros

Ano 2010................. 2.000 euros

Si ben é certo que non son moitos cartos, con iso non se pode facer gran cousa, tamén é certo que a pesares de contar con esas cantidades nos orzamentos non gastaron nin un só euro, e coas investigacións que estamos a facer podemos concluír que serian máis que suficientes para arranxar o mencionado río “da Gatiñeira” que está ameazando caerse namentres está a ser frecuentado polos veciños.

No hay comentarios: