No, no me entendan mal, de ningún xeito quero dicir que para reconverter o antigo sanatorio da Lanzada en Pousada sexa necesario o Plan Xeral.
Elo é posible porque se trata dunha modificación interior do edificio actual e dun cambio de uso, non se vai construír nada novo alí.
O Plan Xeral sen embargo, é necesario para levar a cabo naquel lugar calquera outra nova actuación, por exemplo as que reclaman permanentemente alcalde e concelleiros nese dobre ou triple linguaxe que están a utilizar permanentemente co obxectivo de confundir a todo o mundo.
A miña reflexión ven dada polo noxento comportamento dos nosos gobernantes, liderados por un desorientado alcalde que nos está a presentar esta actuación como si o futuro da nosa vila dependese da instalación na Lanzada desta Pousada. Parece que o “ser ou non ser” do noso concello pasa por isto e para elo son capaces de perturbar, de axitar (con espurios fins) a vida municipal.
Como xa é sabido, todo o proceso forma parte dunha estratexia política que busca finalmente e a ser posible sacar a xente a rúa por un tema o que non pretendo quitarlle importancia, pero que tratado adecuadamente, será un valor para este concello e non a catástrofe que nos predican.
Posiblemente nesa saída a rúa ven, os nosos gobernantes, a manifestación do PXOM de fai cinco anos, ¿e para que valeu aquilo? Para que, os que agora gobernan que habían adquirido un compromiso, lles fallasen, para que os deixasen abandonados, para que os tirasen como fixeron a continuación.
Eles si merecen agora unha manifestación, e non como aquela senón, moito máis grande, por mentirlles o pobo, por enganalos deliberadamente, por non cumprir coa palabra dada e por seguir agora a perpetuarse na mentira.
Tiveron e teñen durante todo este tempo, o poder, a maioría suficiente e os instrumentos necesarios para sacar adiante este tema.
Este si é vital, este si é “o ser ou non ser” da vida do noso concello, pero a eles non lles importou desprezar o esforzo daquela xente a súa chamada, de tirar o Plan Xeral nun caixón e agora tratar de confundirnos seguindo a estratexia de sempre. Entorpecelo todo e buscar o enfrontamento con todo o mundo para xustificar así a inacción destes anos.
Chega o tempo de render contas e o contido da mochila que levan as costas é moi escaso e sobre todo moi desilusionante. Tal vez por iso, todo este despropósito; pero, non todo vale, compañeiros.
Ofertóusevos continuamente colaboración e na consecución do Plan Xeral un apoio incondicional, sete votos incondicionais que sempre rexeitástedes. O dialogo do que sempre presumístedes non é o voso forte.
O Grove non ten, porque este alcalde non quere, un PXOM. Dende a nosa posición lanzamos de novo un ofrecemento para axudar a facelo. Canto antes escomencemos, antes o teremos.
E coa teima da Pousada e demais arestas do asunto, o mesmo que con todo o demais, o enfrontamento, a provocación e a soberbia son malas compañeiras. Estes asuntos deben ser tratados, nos foros que corresponden, cos interlocutores adecuados, coa tranquilidade necesaria e con datos sobre a mesa. Todo o demais son ganas de amolar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario