Artigo de I. Rodriguez publicadon en www.todogrove.com
Preto de cincuenta persoas acudiron onte a xuntanza convocada polo PP do Grove co director xeral de Competitividade e Innovación da Consellería do Mar, Juan Carlos Maneiro, quen lles informou respecto do proceso de regularización de embarcacións. Este tema xa fora debatido na sede da Confraría o pasado luns, mais algún dos asistentes non saíu moi conforme desta reunión, e acusou ao patrón maior, Francisco Iglesias, de incrementar a confusión.
O proceso de regularización de embarcacións que se está acometer segundo a Lei de Regularización e Actualización de inscricións de embarcacións pesqueiras no Rexistro de Buques e Empresas Navieiras e no Censo da Flota Pesqueira do ano 2007 está dando moito que falar na costa galega nas últimas semanas, despois de que fosen varios os mariñeiros que recibiron recentemente a notificación de que a súa solicitude fora desestimada.
O debate a este respecto continuou na xornada de onte na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey, a onde acudiu o responsable do Goberno autonómico nesta materia, Juan Carlos Maneiro, nunha xuntanza que foi convocada polo PP da vila, despois de que o pasado luns “varios mariñeiros” se dirixiran a esta formación, “porque estaban preocupados e confusos”, segundo indicou o presidente do PP local, Miguel Ángel Pérez.
Así, “nos o que fixemos foi de enlace” entre o responsable autonómico e os interesados, que puideron intercambiar impresións na tarde de onte. Para o líder do PP local o resultado desta charla foi positivo, posto que “o que fixo Maneiro foi poñer a situación enriba da mesa”, polo que “aclarou moitas dúbidas”. Pérez asegurou tamén que seguirán en contacto cos mariñeiros que acudiron ata alí, para intentar botarlles unha man, por exemplo, na presentación dos recursos contra as resolucións desfavorables.
Precisamente o dos recursos foi un dos puntos destacados do falado onte, xa que Maneiro aconsellou a todos aqueles que recibiron a desestimación da súa solicitude que presenten xa un recurso e non deixen caducar os prazos.
Confusión na Confraría
Segundo lle relataron ao propio Miguel Pérez, parece ser que na xuntanza mantida a este respecto o pasado luns na sede da Confraría de Pescadores, a confusión existente respecto ao proceso “aínda creceu máis”, un aspecto no que coincide un dos mariñeiros que estivo presente nas dúas xuntanzas, Alfonso Padín. Segundo explicou, nesta reunión, o patrón maior pintoulles “todo de cor negra” e “veu coa retranca de que tiñamos que facer unha manifestación en San Caetano”.
“Eu persoalmente síntome enganado”, engadiu Padín respecto da devandita reunión, na que, ao seu entender, Iglesias “non dixo nada” máis aló de “tratar de fomentar unha manifestación” ante a sede da Xunta.
Ao respecto desta cuestión tamén se manifestou o voceiro popular, quen quixo recalcar que, si ben a Xunta “participa no trámite”, á “decisión” corresponde a Dirección General de la Marina Mercante, polo que non ve “razoable que se lle falase aos mariñeiros de presionar á Xunta”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario