MOCIÓN PARA A ELABORACIÓN DUN PROGRAMA DE DETECCIÓN, PREVENCIÓN E CONTROL DO FRACASO E DO ABSENTISMO ESCOLAR.
Diana Mª Otero Mascato, en representación do Grupo Municipal do Partido Popular do Grove, ao amparo do disposto nos artigos 91.4 e 97 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais presenta ante o Pleno da Corporación Municipal esta MOCIÓN, con base nos motivos e consideracións desenvolvidas na seguinte
Exposición de motivos
A Constitución Española de 1978 recoñece o dereito á educación como un dos dereitos fundamentais e encomenda aos poderes públicos que promovan as condicións e removan os obstáculos para que este dereito sexa disfrutado en condicións de igualdade por tódolos cidadáns e cidadás. O acceso á educación é un dereito fundamental e irrenunciable recoñecido como tal polos organismos internacionais e polo conxunto da lexislación vixente en materia de educación e protección do menor a nivel estatal.
Sen embargo, constátase un aumento importante de fracaso escolar e do número de menores que non asiste con regularidade aos centros educativos, comprometendo deste xeito o seu desenvolvemento persoal, académico e profesional e contribuíndo ao aumento da conflitividade social. A prolongación do ensino obrigatorio ata os 16 anos veu incrementar o absentismo escolar e, polo tanto, agudiza esta problemática.
A lexislación vixente establece a obrigatoriedade dos poderes públicos de intervir para garantir o dereito á educación mencionándose, concretamente, as administracións locais que deberán participar na vixianza do cumprimento da escolaridade obrigatoria.
A prevención destas situacións adoita realizarse no marco so sistema educativo, nembargante as actuacións necesarias chegan a desbordar as posibilidades de actuación dos propios centros docentes polo que resulta necesaria a colaboración e coordinación interinstitucional e social para abordar de forma integral as accións necesarias de prevención e control do fracaso e o absentismo escolar. Sen embargo, as actuacións das diferentes Institucións non sempre están coordinadas e poden dilatarse no tempo deixando sen efecto as intervencións
Por estes motivos, precísase a elaboración conxunta dun Programa de detección, prevención e control do fracaso e o absentismo escolar entre o Concello do Grove, as ANPA e os centros escolares do municipio, que unifique e coordine os procesos de identificación e tratamento dos casos a nivel local.
Tódalas accións enmarcadas no Programa inspiraríanse nos seguintes Principios Reitores que deben rexer e guiar o seu deseño:
- Velar polos intereses dos menores, facilitando o seu dereito á escolarización
- Garantir a colaboración e coordinación interinstitucional e interprofesional necesaria para asegurar a coherencia de todas aquelas intervencións que se desenvolvan
- Buscar a implicación dos centros, das administracións e das familias
- Establecer un Programa flexible que non constitúa un modelo ríxido de traballo senón un marco desde o cal unificar tódolos protocolos de intervención, sen menoscabo de asumir outras propostas que puideran xurdir.
Os Obxectivos que se pretenden acadar co Programa son os seguintes:
- Coñecer e avaliar a incidencia do fracaso e o absentismo escolar nos centros educativos do Concello do Grove, as súas posibles causas e as intervencións levadas a cabo
- Garantir o dereito de todos os nenos e nenas á educación e a ter un posto escolar axeitado ás súas necesidades
- Fomentar a creación, no ámbito local, de Plans Activos anti-fracaso escolar e anti-absentismo interinstitucionais
- Establecer cauces de coordinación coas entidades relacionadas coa atención á infancia para unificar criterios de intervención orientados á prevención do fracaso e o absentismo escolar.
- Establecer e unificar procedementos de control e intervención de condutas absentistas que permitan actuacións temperás para a súa resolución.
- Procurar a asistencia regular aos centros educativos de todo o alumnado de escolarización obrigatoria e, consecuentemente, evitar posibles situacións de desescolarización, abandono e/ou fracaso escolar
- Incrementar o contacto coas familias así como o estudo das situacións familiares que poidan intervir nas causas de fracaso e absentismo coa fin de articular procedementos de solución a través da colaboración entre as distintas institucións.
- Fomentar o respaldo social, comunitario e interinstitucional ao proceso educativo nos centros escolares.
- Concienciar á comunidade da importancia da educación como medida preventiva da exclusión social e favorecedora da integración social e laboral.
De modo xeral deberanse emprender dous tipos de actuacións,
- Actuacións preventivas. Están destinadas a evitar a aparición das condutas de fracaso e absentismo escolar mediante a promoción e desenvolvemento de programas e recursos desde o ámbito social e educativo, entidades sociais e programas básicos que ofrezan espazos de participación acordes coas necesidades dos menores
- Actuacións correctivas. Diferentes intervencións en diferentes ámbitos dirixidas a corrixir as condutas de fracaso e absentismo escolar unha vez se teñan producido
Por todo isto, o Grupo Municipal do Partido Popular do Grove propoñemos a posta en marcha dun Programa de detección, prevención e control do fracaso e o absentismo escolar a través dos seguintes
Acordos:
- Poñerse en contacto cos centros de ensino da vila coa fin de coñecer e avaliar o grado de fracaso e absentismo escolar na vila
- Planificar xuntanzas cos diferentes sectores implicados co obxectivo de coñecer a súa opinión e establecer estratexias conxuntas de actuación
- Elaboración e posta en marcha do Programa de detección, prevención e control do fracaso e o absentismo escolar no Concello do Grove
- Seguimento e avaliación continua do proxecto para comprobar o seu grado de eficacia e establecer mecanismos de corrección e retroalimentación.
Con esta iniciativa pretendemos que se estableza un proceso mediante o que se faciliten respostas globalizadas á problemática do fracaso e o absentismo escolar no Concelllo do Grove, coa fin de garantir a continuidade e regularización da escolarización en período obrigatorio.
No hay comentarios:
Publicar un comentario