Revisando a documentación que adorna o expediente do “edificio administrativo”, atopámonos cun dato máis, que é moi demostrativo do nulo rigor no tratamento dos fondos públicos por parte deste alcalde e que acrecenta un pouco máis, a xa estendida sensación de despilfarro coa que actúa este goberno.
A subvención para a construción deste edificio (maldito, en opinión dalgúns) foi solicitada a Xunta de Galicia en abril de 2008. Para elo, enviouse toda a documentación requirida, entre a cál estaba un anteproxecto da firma ALVAREZ CACABELOS, SL. cun orzamento total de 1.307.968,64 euros.
O mesmo preveia, unha cantidade para honorarios do arquitecto redactor do mesmo, por importe de 40.365,00 euros.
Tempo despois, contesta a Xunta de Galicia outorgando a subvención, aínda que rebaixándoa ata os 775.000 euros, nos que finalmente se adxudicou a obra.
Isto trae consigo a redacción do proxecto definitivo axustándose a cantidade concedida dende a Xunta.
Este, (o proxecto definitivo) xa non prevé honorarios e para a súa contratación faise unha licitación aparte do proxecto de obra por un importe de, en torno (según reza a Providencia da alcaldía) aos 60.000 euros. Ao final foron 63.800 euros.
Ao día seguinte da firma desta providencia polo Alcalde, xa aparece o primeiro informe de Intervención advertindo do irregular do proceso por falla de consignación orzamentaria e deixando claro que é unha decisión política o levar adíante este trámite. Estamos a falar do 1 e 2 de setembro de 2008.
Chámanos a atención e queremos facelo público como exemplo do dispendio e despilfarro co que está a actuar este alcalde e o seu goberno, que cando a previsión de obra (a solicitada) ascendía a 1.307.968,64 euros, os honorarios eran de 40.365 e cinco meses despois, cando se fai o proxecto definitivo axustándose ao novo importe da subvención por un total de 775.000 euros, en vez de baixar os honorarios proporcionalmente, suban ata os 63.800 euros por decisión dunha Providencia da alcaldía.
Para ser máis claros, o importe da obra baixa en casque un 75% e os honorarios en vez de facelo mesmo ou sequera, como mal menor deixalos igual, suben, arredor do 40%.
Este é o xeito de salvagardar os intereses do concello que tén o noso alcalde.
Debera explicarnos tamén, que tipo de edificio pensaba facer co orzamento de máis de 1.300.000 euros previsto inicialmente pois parece que o feito, co finalmente contratado en 775.000 é na realidade, practicamente igual.
É obvio, que na partida eliminada do anteproxecto referida a mobiliario i equipamentos non pode estar semellante diferenza.
Como diciamos onte a situación empeora, pero vaise aclarando e aínda que o que vamos coñecendo non nos gusta absolutamente nada é necesario sobre todo deixar a imaxe da nosa principal institución libre de calquera tipo de sospeita.
No hay comentarios:
Publicar un comentario