miércoles, 25 de noviembre de 2009

MOCIÓN RECLAMANDO A RECTIFICACIÓN DO GOBERNO CENTRAL

MOCIÓN RECLAMANDO A RECTIFICACIÓN DO GOBERNO CENTRAL NA SÚA INTENCIÓN DE DESMANTELAR O EQUIPO DE EXPERTOS EN PREVENCIÓN EN CONTAMINACIÓN MARIÑA QUE OPERABA DENDE GALICIA.

O Grupo Municipal do Partido Popular de O Grove, ao abeiro do disposto nos artigos 91.4 e 97 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Rexime Xuridico da Entidades Locais presenta ante o Pleno da Corporación Municipal esta MOCIÓN, que se fundamenta na seguinte

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Executivo central acordou o traslado do equipo técnico que formaba parte do antigo Centro de Prevención da Contaminación (CEPRECO) ata Madrid ou a outros destiños administrativos fóra da nosa comunidade, abortando polo tanto o deseño do plan de continxencia para facer fronte a un vertido como o do Prestige.

A tarefa de elaboración e desño deste plan de acción contra vertidos mariños deu inicio a principios deo 2005 a instancias do Ministerio de Presidencia (con funcións de coordinación e intermediación ministerial) e aínda sigue en fase de elaboración.

O desmantelamento por parte do Goberno de Zapatero do equipo de expertos sobre contaminación mariña asentado na torre de control maritimo da Coruña, demostra que o único interese dos socialistas en relación co desastre do Prestige foi puramente político.

Este feito pon de relevo asemade, que aquel desastre foi utilizado politicamente polo PSOE e BNG para facer dano aos gobernos do PP pero que, unha vez conseguido o seu obxetivo de gobernar, o Executivo de Zapatero esqueceu a catástrofe e, lonxe de facer avances para evitar que se repita, suprime unha estructura que se evidenciou como moi necesaria a raiz do accidente do petroleiro.

Malia que por entonces desde o PSOE e o BNG criticaron con forza a xestión da administración central e galega e insistiron na necesidade de artellar medidas para evitar desastres como o do Prestige, en canto acadaron poder, aparcaron todalas medidas impulsadas polo Partido Popular en Galicia e en Madrid, tanto para prever e evitar accidentes deste tipo como para paliar os danos sociais e económicos causados polos vertidos do Prestige e recollidas no Plan Galicia.

O desmantelamento deste equipo de expertos demostra que para o actual executivo, o tema non lle interesa en absoluto unha vez que xa non lles produce réditos politicos.

Parece máis que evidente que os socialistas xogaron coa vontade de tanta xente que colaborou nas tarefas de recuperación da costa tras o Prestige e que reclamou medidas e estratexias para impedir que algo así se repita. Milleiros de persoas foron utilizadas sen pudor e cuxa mobilización, tal como agora se confirma, non foi tida en conta para o obxectivo de mellorar as cousas, senón que foi utilizada como escusa para os obxetivos politicos do PSOE e o BNG.

Cabe subliñar finalmente que o traslado deste equipo de expertos implica o desmantelamento en Galicia dun órgano que tiña a súa mirada posta no corredor maritimo de Fisterra, polo que pasan uns 40.000 buques o ano, dos que 12.000 transportan mercadorias perigosas. Esta realidade debera implicar a reconsideración por parte do Goberno de España da súa decisión coa que, unha vez máis Galicia perde un servizo de máxima importancia e carácter estratéxico.

É polo que, o Grupo Municipal Popular eleva ao Pleno do Concello a adopción do seguinte ACORDO,

Instar ao Goberno Central a que rectifique na súa decisión de desmantelar e trasladar fóra de Galicia ao equipo técnico adscrito ao antigo Centro de Prevención da Contaminación (CEPRECO), de tal xeito que manteña este servizo na nosa comunidade, para a coordinación interministerial e o deseño do plan de continxencias ante episodios de contaminación mariña similares ao Prestige.


O Grove, 20 de novembro do 2009

No hay comentarios: