Esixen a convocatoria dunha comisión de portavoces para adoptar as medidas necesarias para frear os danos que o novo deslinde ocasionará
O Grove, 7 de xullo de 2009.- O PP do Grove vén de denunciar a pasividade do Goberno Local ante os “graves prexuízos” que o deslinde de Costas xerará aos veciños desta localidade, sen que ninguén os informe da situación real nin lles ofreza asesoramento para presentar as reclamacións que consideren oportunas.
Os “populares” advirten que o novo deslinde efectuado por Costas do Estado prevé, en áreas como a zona do Porto de Meloxo, unha franxa de protección de 100 metros, fronte aos 20 que existían ata o de agora, o que supón que numerosas propiedades e incluso varias vivendas construídas legalmente nos últimos anos, quedan agora dentro da franxa de protección de Costas, co conseguinte risco de derribo.
A xuízo do presidente do PP de O Grove, Miguel Ángel Pérez, este feito xa de por si “gravísimo” adquire proporcións maiores “se se ten en conta que moitos destes veciños descoñecen por completo a situación das súas propiedades”.
Neste sentido, lembra que o Grupo Municipal do PP solicitou xa en varias ocasións ao alcalde e ao seu goberno que informasen aos veciños do prazo de exposición pública deste deslinde efectuado por Costas do Estado e que ofrecesen a posibilidade de consultar os documentos do mesmo na Casa do Concello, co obxectivo de que os veciños puidesen presentar as alegacións oportunas.
Así mesmo, e coa finalidade de asesorar aos interesados á hora de confeccionar as súas alegacións, os “populares” recomendaron a posta á disposición dos veciños dun dos técnicos da oficina municipal de urbanismo.
Así mesmo, e coa finalidade de asesorar aos interesados á hora de confeccionar as súas alegacións, os “populares” recomendaron a posta á disposición dos veciños dun dos técnicos da oficina municipal de urbanismo.
Non entanto, o goberno local obviou todas estas demandas, de forma que a día de hoxe “nos atopamos cunha situación gravísima”, subliña o voceiro popular, “con moitos veciños que están tranquilos nas súas casas, sen darse conta do que lles sucede ás súas propiedades e que non alegaron por carecer de información”.
Para os populares, “o peor é a pasividade do noso concello que non informa da gravidade do asunto a ninguén, a pesar de contar coa información”.
Por iso, o PP de O Grove solicita ao alcalde que “convoque de inmediato aos representantes dos grupos políticos con representación na corporación para tratar esta preocupante situación e poder así tomar as medidas necesarias que impidan os danos que o deslinde de Costas e a impasividade de este alcalde e o seu goberno poden propiciar”.
Finalmente, Miguel Ángel Pérez lamente que teñan que ser os grupos políticos da oposición os que “cos nosos escasos medios, deamos a voz de alarma e poñamos sobre aviso á poboación do Grove”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario