martes, 16 de junio de 2009

Nota sobre as bibliotecas

O nivel cultural e cívico de calquera vila ven determinado entre outras cousas polo trato que se dispensa ás súas bibliotecas, sen embargo os membros do cuatripartito parecen preferir que as bibliotecas das dúas parroquias queden reducidas a angostos almacéns, privando así aos cidadáns do Grove a exercer o seu dereito de aceso á cultura.

Quizais o concelleiro de cultura e os seus socios de goberno pensan que a vila do Grove non paga a pena gastar en cultura ou quizás teñan a esperanza de facer realidade aquela frase de "un pobo inculto é máis fácil de dominar".

O certo é que, dende o comezo deste goberno non se adquiriu un só libro, dicionario ou enciclopedia con cargo ao concello para ningunha das bibliotecas de O Grove. A isto temos que engadir o xa denunciado en múltiples ocasións, que a biblioteca de San Vicente leva dous anos pechada.

Pero o que resulta aínda máis preocupante é que nos orzamentos do 2009 as partidas dedicadas a cultura sofren unha considerable redución.
Así, a partida destinada á adquisición de libros redúcese de 7000 a 2000 euros, é dicir, queda reducida practicamente a unha cuarta parte, cifra irrisoria si consideramos que o pago dos dous xornais con que conta a biblioteca municipal do O Grove elevase a uns 800 euros. Se non se mercaron libros cando se contaba con presuposto case catro veces maior, como se van mercar agora?.

No que toca ao cadro de persoal é destacable o feito de que, desapareceron as prazas de auxiliar de CIPES e auxiliar de Casa da cultura, polo que non se ten previsto contratar a ninguén para ningunha das bibliotecas, non se destinou nin un só euro a estes espazos que permanecen pechados pola falta de persoal que os atenda.

Os usuarios das Casas da cultura, estudantes, nais e pais asisten atónitos a un espectáculo bochornoso no cal o concelleiro de cultura clama aos catro ventos o seu arduo traballo para o fomento da cultura, namentres os edificios culturais municipais permanecen no rincón do esquecemento dun concelleiro e dun goberno incapaces de xestionar dun modo intelixente o orzamento do Concello.

Xa ven dicían os nosos ancestros que "non hai peor incultura que a de aquel que se cree culto".

No hay comentarios: