martes, 5 de mayo de 2009

AS SUCESIVAS AVERÍAS NA REDE DE AUGA POTABLE NA RÚA LUÍS SEOANE, UNHA MOSTRA MÁIS DA DESCOORDINACIÓN E A INEFICACIA DO CUATRIPARTITO LOCAL

Miguel Ángel Pérez lembra que renovación de servizos na zona está ornamentada desde 2006, pero tan só se acometeu a primeira fase
O Grove, 5 de maio de 2009.- As sucesivas averías na rede de auga potable rexistradas a pasada fin de semana na rúa Luís Seoane, que durante tres días consecutivos sufriu outras tantas roturas da instalación, constitúe unha mostra máis da descoordinación e a ineficacia do cuatripartito local do Grove, “que amosa cada día máis falta de vontade para solucionar os problemas reais dos cidadáns”, en palabras do portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular, Miguel Ángel Pérez.

Para o voceiro popular, o problema da rúa Luís Seoane “tiña que estar resolto definitivamente hai moito tempo, pero parece que este goberno está máis ocupado noutras cousas e se lle abren vías de auga por todas partes, dedicado como está a arranxar as inundacións de tipo político que provocan as súas catro partes”.

Miguel Ángel Pérez lembra que renovación de servizos na zona está ornamentada desde 2006, pero tan só se acometeu a primeira fase. “Nos orzamentos dese ano, esa renovación quedou aprobada e con presuposto, pero só se executou unha primeira fase que os veciños aínda recordan polo número de veces que houbo que levantar o pavimento debido á indefinición dos nosos gobernantes”. Sen embargo, nada se sabe da segunda fase, que segue pendente “malia que o seu inicio foi anunciado un par de ducias de veces”.

PRIORIDADE PARA O GOBERNO ANTERIOR
O líder do PP salienta que unha das actuacións que máis atención tivo por parte do Goberno anterior foi precisamente o cambio da rede secundaria de servizo de auga potable, que constituiu unha prioridade, pois debido á súa antigüidade se atopa no período límite da súa vida útil. A rúa Luis Seoane “é precisamente unha das que máis acusou este problema”, apunta Pérez, quen engade que, por outra banda, a rede sufriu nesa zona tantas roturas “que dificilmente quedará xa un tramo de tubería vella que non teña rebentado, co cal xa debera estar a estas alturas practicamente cambiada na súa totalidade”.

O PP non atopa explicación “como non a atopan os veciños” para que a renovación definitiva non se teña rematado xa “cando existe proxecto e orzamento para levala a cabo”, polo que a única razón “hai que buscala na incapacidade dun goberno superado en todas as frontes pola ineficacia e a descoordinación máis absoluta”.

No hay comentarios: