martes, 24 de marzo de 2009

O PP DO GROVE LEMBRA QUE É IMPRESCINDIBLE O PXOM PARA DESENVOLVER SOLO EMPRESARIAL NO MUNICIPIO

Miguel Ángel Pérez salienta que sen ese documento non teñen sentido xuntanzas como a mantida polo alcalde con empresarios locais sobre a área industrial da Cova da Loba
O Grove, 24 de marzo de 2009.- O Partido Popular do Grove insiste na necesidade urxente de elaborar o Plan Xeral de Ordenación Municipal e lembra que, entre outras cousas, resulta imprescindible para desenvolver solo empresarial no municipio. O portavoz municipal do PP, Miguel Ángel Pérez, refírese á xuntanza que hai algún tempo mantivo o alcalde cun grupo de empresarios locais para falar da necesidade de levar adiante a área industrial da Cova da Loba e salienta que, sen contar co citado documento, reunións como esa non teñen sentido.

Así mesmo, resalta que “este tipo de xuntanzas, que ponderan ser de gran interese, pois coincidimos na necesidade de facilitar este tipo de solo ao empresariado, non poden ser fructíferas se non contan coa participación de todos os axentes implicdos no mesmo propósito”. Pérez lémbralle ao alcalde e ao concelleiro responsable desa materia, “que parece ser que o temos, aínda que non sabemos para qué”, que nas actuais circunstancias urbanísticas “non é posible desenvolver ese tipo de solo no noso concello a non ser que estea previamente establecido no PXOM, do que non só non dispomos, senón que o Goberno local parece empeñado en castigarnos sen él indefinidamente”.

SITUACIÓN “SEN PÉS NIN CABEZA”

O voceiro popular entende que “non ten ni pés nin cabeza” unha situación na que, por unha banda, o empresariado grovense “precisa espazo onde ubicar as empresas e por esa razón sempre manifestou o seu interese e apoio para que dispoñamos dun PXOM” e, por outra, “o goberno local mira para outro lado cando se plantexa o tema e non se lle ocorre outra cousa que convocar a un grupo de empresarios para probablemente enganalos, posto que non se pode desenvolver esa zona como solo industrial debido precisamente á normativa urbanística en vigor”.

O Partido Popular esixe ao Goberno “por enésima vez” que “se poña a traballar no que realmente importa” e, en referencia ás recentes eleccións autonómicas, suxírelle que non esqueza “o que pasa cando se levan a cabo políticas de costas aos cidadáns, cando se trabilla en compartimentos estancos e cando quen ten a responsabilidade non lidera o goberno”.

Pérez reitera o compromiso da súa formación “a apoiar sen fisuras e sen condicións” o traballo de elaboración do PXOM, para o que “esperamos a chamada que nos dea participación” nese cometido e permita “que entre todos saquemos adiante esa asignatura que O Grove ten pendente e que facilitará moitas infraestruturas, como é o caso do solo industrial, no futuro”.

No hay comentarios: