sábado, 22 de noviembre de 2008

O PP do Grove preocúpase pola economía dos veciños e presenta un paquete de medidas para aliviar a presión dos impostos no Concello do Grove

Fotografía procedente de www.todogrove.com
Moción sobre medidas da Administración Local para moderar os efectos da crise económica sobre os sectores menos favorecidos do pleno do 24 de novembro de 2008
O Grupo Municipal Popular, ó amparo do disposto nos respectivos artigos do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, presenta ante o Pleno da Corporación esta Moción, con base nos motivos e consideracións desenvolvidas na seguinte,

Exposición de motivos.

Moi boas noites a todas e a todos.

Está a piques de se cumprir un ano. Foi neste mesmo lugar no Pleno do 17 de Decembro do ano pasado cando ó seu Goberno, sr. Alcalde, aprobou por maioría a subida de determinadas taxas municipais, concretamente as de recollida do lixo, o imposto de vehículos de tracción mecánica e a taxa por subministro e depuración de auga, con incrementos en algún deles de ata o 47.5 %.

Quero recordar aos presentes algunhas das palabras da miña intervención en dito pleno.

“Sr. Alcalde, un grupo político coherente e responsable, co debido coñecemento da realidade e da actualidade socioeconómica non pode máis que opoñerse con total rotundidade a esta subida inconcibible e desmesurada que vostedes nos impoñen os veciños do Grove.
O Partido Popular non pode nin debe apoiar este autentico “atentado” o bolsillo dos nosos veciños.

O PSOE e os grupos que sosteñen os seus respectivos gobernos viven de costas á realidade económica do pais. E vostedes para non ser menos, tamén. Pretenden, apoiados na súa virtual maioría, pegarlle un novo mazazo as xa fráxiles economías domesticas.

O momento que vostedes elixiron de por si non podería ser peor. A inflación está xa no 4.1 %, a máis elevada en moito tempo grazas sobre todo a neglixente xestión do mesmo ministro que no goberno de Felipe Gonzalez deixou a economía española o borde do abismo. Situación da cal nos soubo sacar o traballo formidable de José Mª Aznar e o seu ministro de Economía Rodrigo Rato, ata situar a España no oitavo lugar entre as economías mundiais máis importantes.
Pero a nefasta política económica de Zapatero e Solbes está a queimar todo “ o millo que o PP deixou no piorno”.
Na actualidade, a economía doméstica atópase moi resentida debido a alza dos prezos dos produtos de primeira necesidade. Así o incremento no prezo do leite foi dun 29.3 %, o pan un 14.1 %, os combustibles un 13.4 %, os ovos un 9.7 % e a roupa un 3.2 %.
A todo elo hai que engadir o incremento dos interese hipotecarios o que provoca unha importante perda do poder adquisitivo das familias, as cales cada vez lles costa máis chegar a fin de mes. Por si fora pouco, todo indica que esta tendencia alcista terá continuidade en outros produtos e servizos, sen que o goberno de Zapatero faga nada por impedilo pero si por agravalo, inclusive con novos impostos e gravaxes como o chamado canon dixital
Debe saber sr. Alcalde, que a economía dos veciños atopase realmente nun momento nun momento moi difícil.”

Lembro tamén os comentarios que vostede fixo, sr. Alcalde, aplicando unhas pingas do excelente sentido do humor que o caracteriza. Viña a dicirnos que os problemas que puideran derivar do mal rumbo da economía nacional, non terían demasiada repercusión no noso concello.

Dende aquela pasou xa un ano. E pasaron tantas cousas nese ano. Máis en termos de economía domestica, a que realmente lle importa os nosos veciños, que teñen que pagar o recibo do lixo, o da auga, o do coche, os seguros, a luz, a hipoteca do piso, botarlle combustible o coche, mercar a roupa, e sobre todo comer e dar de comer os seus fillos.
Esa economía, é a que realmente debe ocupar e preocupar a un político responsable, que no PSOE cada vez escasea máis tamén sexa dito, a economía doméstica, leva un ano que vai cada día a peor. Sobre todo naqueles fogares onde os gastos continúan e as fontes de ingresos diminúen, máis se cabe cando se agrava a situación co despido e o desemprego.

No pasado mes de outubro, o paro en Galicia creceu un 8 % respecto o mes anterior, sendo da nosa provincia catro de cada seis parados.
Dende agosto do 2005 (con 157.295) ata outubro do 2008 ( 168.423) o paro en Galicia medrou en máis de 11.100 persoas; no que vai de ano 2008, destruíronse máis de 22.000 empregos en Galicia. Neste mes de outubro, no conxunto do Estado español, é como si toda a poboación do Grove, se quedase cada día sen traballo.

Os restantes indicadores económicos, descenso do PIB, caída da confianza económica, descenso nas vendas en diversos sectores, incremento da inflación, descenso da produción industrial, ...etc, non deixan de amosar unha situación cada vez máis negativa.

Con elo, a capacidade adquisitiva e o benestar dos nosos veciños está cada día a sufrir considerables mermas nas súas condicións. Con elo, como vimos de defender ou defenderemos en outra moción sobre a financiación local en función de cal sexa o orden do dia, os servizos que prestan os concellos están cada vez máis en perigo de continuidade debido á contundente perda de financiación dos mesmos.

Diante dos problemas que se plantexan, toda axuda as familias e os sectores máis desfavorecidos é precisa. Toda apartación é necesaria. Xa sexa do Goberno do Estado, da Xunta ou dos Concellos. Cada quen no nivel que lle compete.

Voltando ó argumentario do Pleno de decembro do ano pasado da subida das taxas, nese mesmo pleno, o Grupo Municipal Popular propuxo unha serie de medidas en carácter de bonificacións e de aplicación racional dos impostos.
Medidas que pasado un ano, nin vostede, nin o concelleiro de facenda, si é que o hai, nin ninguén do seu goberno “socialista y de progreso” tivo a máis mínima iniciativa de cando menos valorar, e xa non digamos de por en práctica. E todo elo, sabedores como son de que hai familias no Grove que realmente o están a pasar mal.

Máis afortunadamente, non todos os políticos somos iguais e a nós, ós membros do Partido Popular, si que nos preocupa e moito esta calamitosa situación.

Ante a inactividade do seu goberno neste sentido e a falla de iniciativa na busqueda de solucións, o Grupo Municipal do Partido Popular ven nos últimos plenos presentando unha serie de medidas que traten de reducir o impacto da actual crises económica nas facendas daqueles veciños con menos posibilidades.

Así, súmanse neste pleno dúas mocións á presentada no pleno do mes de setembro, na cal se plantexaban medidas para economizar o gasto dos recursos municipais e que entre outras posicións reclamaba a conxelación dos salarios dos cargos electos con dedicación exclusiva, medidas que como todos sabemos foi rexeitada cos votos en contra do grupo de goberno. De todo elo tan só quedou o compromiso da conxelación do salario do sr. Alcalde.

De seguido, propoñemos unha serie de iniciativas de marcado carácter económico, pero nas que sobre todo se pode distinguir o seu claro contido social e que esperamos teñan por elo unha acollida positiva e identificadora nos membros do grupo socialista.

O Grupo Municipal do Partido Popular do concello do Grove presenta para a súa aprobación polo pleno os seguintes

Acordos:

Propostas de aplicación xeral a todas as taxas e impostos baixo competencia do concello do Grove.

1º. Conxelación de calquera tipo de incremento nas taxas e impostos competencia do concello do Grove para o ano 2009.

2º. Bonificación xeral do 50 % para aqueles suxeitos pasivos titulares de familias numerosas con tres ou catro fillos.

3º. Bonificación especial do 75 % para aqueles suxeitos pasivos titulares de familias numerosas con máis de catro fillos.
Ós efectos de clasificación na categoría xeral ou especial anterior, estarase ó disposto na Lei 40/2003, do 18 de novembro, de Protección ás Familias Numerosas.
Terá a consideración de vivenda habitual a que figure como residencia no Padrón Municipal.
Os suxeitos pasivos do imposto deberán presentar xunto coa solicitude de bonificación os documentos oficiais acreditativos da súa condición de familia numerosa.

4º. Bonificación xeral do 60 % para aqueles suxeitos pasivos titulares de familias que tendo máis dun fillo, un deles sexa discapacitado ou estea incapacitado para o traballo.

5º. Bonificación xeral do 60 % para aqueles suxeitos pasivos titulares de familias con persoas dependentes o seu cargo.

6º. Bonificación xeral do 60 % para aqueles suxeitos pasivos titulares de familias monoparentais con máis dun fillo menor o seu cargo.

7º. Bonificación xeral do 60 % para aqueles suxeitos pasivos con minusvalía superior ó 30 %.

Propostas de aplicación particular as taxas e impostos seguintes:

1º. Modificación da Ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre incremento de valor dos terreos de natureza urbana (plusvalías).

Nas transmisións de propiedade da vivenda habitual do causante, ou na constitución ou transmisión dun dereito real de goce limitativo de dominio sobre o referido ben, realizadas a título lucrativo por causa de morte, aplicarase unha bonificación do 95 % da cuota cando sexan realizadas a favor do cónxuxe viúvo ou persoa que poida acreditar ter convivido co causante con análoga relación de afectividade, ascendentes ou descendentes, por natureza ou adopción.

2º. Modificación da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida do lixo.

Bonificación xeral do 40% para os suxeitos pasivos titulares de das propiedades recollidas no Anexo do artigo 6º da citada Ordenanza e que acrediten a propiedade da vivenda habitual recollida no Padrón Municipal na area rural do concello do Grove.

3º. Modificación da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo de subministro e depuración de auga.

Como xa advertimos no seu momento, consideramos totalmente fora de toda lóxica a modificación aprobada no pleno do pasado mes de decembro, no cal en lugar de gravar e mesmo penalizar incrementando a taxa en función do consumo, o que se fixo foi só aumentar a cuota fixa mínima.
Propoñemos que se modifique este argumento e que a actividade da taxa sexa establecida en función do consumo de auga, para que deste xeito pague máis aquel que máis auga consuma.
Resultado da votación: Rexeitada
Partido Popular: A Favor
Alternativa Meca: A Favor
Cuatripartito: En contra

No hay comentarios: