lunes, 8 de septiembre de 2008

O PP PIDE EXPLICACIÓNS AO GOBERNO LOCAL SOBRE A PARALIZACIÓN DAS OBRAS DA ESTRADA DE ARDIA

“O cuatripartito elude as súas responsabilidades porque os seus esforzos se centran en criticar á Deputación”, sinala Miguel Ángel Pérez
O Grove, 8 de setembro de 2008.- O Partido Popular do Grove pide explicacións ao Goberno local sobre as obras da estrada de Ardia, na entrada do municipio, que levan varios meses paralizadas sen que se coñeza oficialmente a razón de que non continúe o seu desenvolvemento. O portavoz do Grupo municipal do PP, Miguel Ángel Pérez, salienta que “non se entende o abandono dese vial, cos prexuízos que éste está a causar a toda a veciñanza”. Ademais de información, o PP esixe que se reanuden de inmediato as obras para rematar este vial “antes de que as condicións climatolóxicas sexan peores e dificulten os traballos”.

Cando o período de execución previsto para o proxecto está a piques de rematar, o PP comprobou no lugar “cómo as herbas e maleza van facédndose coas zonas de actuación do mesmo, sen que ninguén explique nada do que está a pasar”. Así mesmo, Pérez apunta que “enterámonos, como sempre, polos medios de comunicación, de que mesmo se pretende cambiar de sitio a rotonda prevista na subida ao Monte das Flores, pero non hai información ao respecto”, algo que “mesmo ten perplexos aos veciños”.

O Portavoz popular critica a situación desta estrada durante todo o verán “nun estado lamentable de abandono e cunha sinalización totalmente deficiente xusto cando o tránsito no lugar é intensísimo” e resalta que “pasada a tempada estival, as cousas seguen igual, sen que se saiba qué se pensa facer”.

“O cuatripartito elude as súas responsabilidades porque os seus esforzos se centran en criticar á Deputación”, sinala Miguel Ángel Pérez, quen subliña a contradición que supón que o Goberno local “estea permanentemente queixándose” polas estradas que son responsabilidade do organismo provincial “e, sen embargo, manteña esta obra parada e abandonada e non sexa quen de dar explicacións”.
O PP esixirá que se informe sobre as razóns desa paralización e as previsións para a súa reanudación, así como se hai algún cambio no proxecto e os motivos que, no seu caso, o sustentan.

No hay comentarios: