miércoles, 10 de septiembre de 2008

O GOBERNO LOCAL BOTA ABAIXO O PLANO ESTRATÉXICO DO GROVE, INICIADO COA MÁXIMA PARTICIPACIÓN SOCIAL PARA IMPULSAR O MUNICIPIO


O PP considera un erro que non se inclúa nos orzamentos de 2008 a finalización deste traballo, do que faltaba unicamente a fase de concreción de proxectos
· Para Miguel Pérez, a paralización do Plano é “unha mostra máis de que a democracia participativa que tanto nos venderon os partidos que hoxe gobernan era tan só un falso señuelo para enganar aos colectivos, aos que, á hora da verdade, lles negan oportunidades de participar na vida pública”.

O Grove, 10 de setembro de 2008.- O Goberno local decidiu botar abaixo, ao non consignalo nos orzamentos, o Plano Estratéxico do Grove, iniciado no mandato do Partido Popular recabando a máxima participación social para impulsar o municipio e establecer as liñas fundamentais polas que se debería encamiñar nos vindeiros anos en todos os ámbitos.

O documento, dirixido por un equipo de técnicos cualificados, acadara un nivel de concreción moi importante, estando xa rematada a fase de diagnóstico, na que todos os axentes sociais do Grove (empresariais, culturais, deportivos, políticos, comunidades de montes e veciñais en xeral) participaran plasmando o que consideraban máis necesario e prioritario para o concello. Igualmente, elaborouse un estudio DAFO (debilidades, fortalezas, ameazas e oportunidades), como instrumento fundamental de diagnóstico.

O PP considera un erro que non se inclúa nos orzamentos de 2008 a finalización deste traballo, do que faltaba unicamente a fase de concreción de proxectos. “Está claro de que o obxectivo principal do cuatripartito non é o avance do Grove e a mellora do benestar dos cidadáns, senón que a prioridade é rachar con todo o que se fixera antes da súa chegada ao poder”, sinala o portavoz do Grupo municipal do PP, Miguel Ángel Pérez, para quen constitúe un disparate “malgastar deste xeito o traballo que xa se fixo e os recursos que se destinaron a él, sobre todo cando se trata dunha iniciativa que tivo unha gran acollida por parte dos cidadáns, que reflectía amplamente o sentir dos grovenses e que sería un instrumento de indubidable utilidade para encauzar o futuro do noso concello, en lugar de ir improvisando que, ao parecer, é o que prefire este goberno”. O documento “sería de gran valor para calquera gobernante responsable, posto que estaría avalado polo conxunto da cidadanía e constituiría unha valiosa base mesmo para solicitar financiamento doutras administración para determinados proxectos”.

CONSELLO ECONÓMICO E SOCIAL

Para Miguel Pérez, a paralización do Plano é “unha mostra máis de que a democracia participativa que tanto nos venderon os partidos que hoxe gobernan era tan só un falso señuelo para enganar aos colectivos, aos que, á hora da verdade, lles negan oportunidades de participar na vida pública”. Nese sentido, subliña tamén o feito de que aínda non se teña constituído o Consello Económico e Social “que tanto reclamaron cando estaban na oposición”.

Os axentes sociais do municipio “son os verdadeiros actores das decisións que se deben tomar”, apunta Pérez, quen opina que “o goberno deberíalles explicar por qué decidiron agora non contar con eles e desbotar o esforzo que fixeran para deseñar o Plano”. Éste, explica o líder popular, “tiña que entrar agora na súa última fase, posiblemente a máis intensa pero tamén a máis ilusionante, xa que se centraba na concreción de proxectos, prazos e financiamento”.

Sen embargo, conclúe Miguel Pérez, “está claro que a ilusión non é unha característica deste goberno, que se pecha sobre sí mesmo e non dá participación nin á oposición nin aos propios cidadáns”.

No hay comentarios: