jueves, 18 de septiembre de 2008

APLICACIÓN IRRACIONAL DA LEI DE COSTAS

PSOE e BGN serán responsables dunha aplicación irracional da Lei de Costas que afectará á propiedade de miles de vivendas en Galicia.
- O latrocinio que se dispón a perpetrar o Ministerio de Medio Ambiente a través do deslinde que ten en marcha para determinar qué terreos e vivendas deben incluírse no dominio público marítimo terrestre podería terse evitado se os socios do Goberno bipartito tiveran apoiado, no Parlamento de Galicia, unha proposición de lei do PPdeG para reformar a Lei de Costas do Estado de 1988.

- Con esa proposición de lei, debatida ao inicio da actual lexislatura, o PPdeG trataba de corrixir as eivas da Lei de Costas do Estado de 1988 e plantexaba recoñecer como urbanos os núcleos tradicionais preexistentes, aínda que hai 20 anos non tivesen esa consideración.

- A tal efecto, o PPdeG propoñía diferentes fórmulas que, evitando a picaresca, permitirían recoñecer como urbanas as construcións que actualmente non poden ser legalizadas en determinados núcleos rurais de localidades costeiras da Comunidade Autónoma.

- A reforma da Lei de Costas proposta polo PPdeG tamén daría cobertura legal ás obras de conservación, consolidación e remodelación interior que se puideran acometer nas edificacións afectadas, sempre que se manteñan as características e o volume orixinal da construción.

- Esa mesma solución xa fora adiantada por un decreto promulgado pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos do anterior Executivo do PPdeG, pero a norma foi impugnada polo Goberno central do PSOE ante o Tribunal Constitucional.

- Touriño aplica unha dobre vara de medir, xa que mentres a Xunta permite, por omisión, que proliferen as construcións ilegais por falta de vixilancia, consinte que o Estado acometa unha expropiación encuberta en núcleos tradicionais que acumulan décadas de historia, porque o bipartito se negou a habilitar o encaixe legal necesario para solucionar o problema.
- O obstrucionismo practicado por PSOE e BNG en sede parlamentaria para evitar ofrecer unha solución satisfactoria ás familias afectadas levou parella unha actitude semellante do Executivo bipartito nos tres anos transcorridos desde o cambio de Goberno.

- Os riscos derivados da realización do deslinde promovido polo Ministerio de Medio Ambiente coloca no fío da navalla a miles de propietarios distribuídos ao longo de 310 quilómetros de costa e terá unha incidencia especialmente significativa en concellos como Marín, Vilaboa, A Illa de Arousa, Ribeira, Porto do Son, Malpica, Cee, Corcubión, Ponteceso, Fisterra, Moaña ou Cabanas, entre outros. Na práctica, en maior ou menor medida, a lei de Costas afecta a todos os municipios costeiros.

- Unha vez publicado o deslinde, o Estado pode facerse coa propiedade do terreo ou da vivenda incluída nese perímetro e outorga aos seus ocupantes prórrogas renovables de 30 anos.

- Con 30.000 unidades, Galicia rexistra a metade dos núcleos de poboación de toda España. Na costa, moitos destes núcleos, fundados, nalgúns casos hai 100 ou 200 anos, están fora de ordenación, a pesar de que en boa parte deles teñan a súa orixe algúns dos actuais concellos galegos do litoral.

- O feito de que varios destes núcleos non estean cualificados como solo urbano por carecer no seu momento de servizos nin entidade debería facer que as Administracións públicas se sentisen especialmente obrigadas a recoñecelos e rehabilitalos cun dobre obxectivo: recuperar o seu valor cultural e histórico e garantir o dereito dos seus habitantes a continuar residindo neles, ao igual que fixeron os antergos desde moito antes de que existisen as leis de urbanismo ou de costas.

- O PPdeG insiste na dificultade que implica aplicar unha Lei promulgada hai 20 anos e que para regularizar determinadas edificacións pretende aplicar criterios actuais no relacionado coa situación rexistral (naquela época moitas construcións presentaban serias carencias documentais) ou servizos urbanísticos (accesos, abastecementos e evacuación de augas, subministración eléctrica, etc) que tamén presentaban deficiencias que, en modo algún, poden ser atribuídas aos propietarios.

No hay comentarios: