miércoles, 23 de julio de 2008

Comunicado sobre o Grupo de Desenvolvemnto Rural

O Goberno local do Grove continua coa súa política de favorecer intereses particulares por riba dos xerais ao excluír aos colectivos grovenses na constitución da Xunta Directiva Provisional do Grupo de Desenvolvemento Rural, que constitúe a alternativa inventada polo BNG para substituír ás fundacións comarcais existentes ata agora. O Partido Popular lamenta que se conte, en cambio, cunha organización comarcal que foi en contra dos intereses de importantes sectores do Grove en diversos asuntos como o Tiro ao Pichón, os catro carrís do Bao ou a Estación Depuradora.
Así, o portavoz do PP, Miguel Ángel Pérez, plantéxase se a decisión do alcalde de nomear para a devandita Xunta Directiva ao Colectivo Ecoloxista do Salnés “é unha resposta de agradecemento á postura de apoio deste colectivo á ubicación da EDAR en Laxe de Rons, en contra da vontade de veciños e industriais da zona ou ao seu apoio decidido ao actual Goberno respecto ao desmantelamento do Tiro ao Pichón da Toxa”. En calquera caso, Pérez subliña que este feito “é unha demostración máis da pouca importancia e atención que o alcalde concede ás asociacións locais”, o que contrasta “co moito que presume de boquilla o Goberno do tecido asociativo do Grove, aínda que, á hora da verdade, non se confía neles, senón que se lles dá a espalda e se aposta por asociacións de fóra”.
O portavoz do PP salienta que “este Goberno e este Alcalde pasarán á historia pola súa teima en ignorar aos empresarios e colectivos sociais do municipio e premiar aos que van en contra dos intereses xerais do Grove”, como se demostra, unha vez máis, “nesta elección para un órgano de tanta importancia para o que, polo que se ve, o cuadripartito non considera capaz a ningún dos colectivos locais”.

No hay comentarios: