miércoles, 21 de mayo de 2008

MOCIÓN DO GRUPO POPULAR EN APOIO DO SECTOR PESQUEIRO GALEGO

fotografía procedente de www.todogrove.com
O GRUPO MUNICIPAL DO PARTIDO POPULAR DO GROVE, a través do seu concelleiro D. Alexandre Aguín Castro, en base á lexislación vixente, presenta a seguinte:

MOCIÓN EN APOIO DO SECTOR PESQUEIRO GALEGO
Que se fundamenta na seguinte
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
Un dos aspectos que maior desequilibrio pode provocar na conta de resultados dunha empresa dun autónomo ou na economía dun profesional, é que determinados gastos fixos, como pode ser o combustible, sufran unha variación substancial que faga do traballo diario unha actividade pouco rendible ou incluso desvantaxosa. Desta situación non son alleos os profesionais que integran o sector pesqueiro galego, que están a ver como nos últimos meses, o prezo do combustible utilizado polas embarcacións non só está a sufrir un exponencial crecemento, senón que, incluso chegou a incrementarse nun 178% desde o 2005, e máis dun 40% nos últimos meses.

Este nivel de gastos é por definición inasumible a longo prazo e, en consecuencia, provoca unha situación insostible para moitas empresas, mariñeiros e armadores que, como única solución inmediata prevén o amarre das súas embarcacións moitas das cales permanecerán amarradas a porto.

Ante esta crúa realidade, o lóxico sería contar co auxilio das distintas administracións, que como a Xunta de Galicia ou o Goberno Central, non só teñen medios máis que suficientes parar articular mecanismos de axuda ó sector pesqueiro senón que, a maiores, dispoñen dos resortes axeitados para promover un control máis exhaustivo dos actuais prezos.

Nin desde Madrid, nin desde Santiago, se poden conformar afirmando que se trata dunha situación conxuntural, ou escusándose pola súa insolvencia para por fin a unha inflación descontrolada, que ata chega a afectar ós produtos mais básicos. Tanto o Goberno Galego como o central deben abandonar a súa actual posición de desinterese para traballar a favor do sector pesqueiro, isto é para contribuír eficazmente a superar a actual crise.

A vista dos acontecementos, está claro que os nosos gobernantes non souberon defender satisfactoriamente ó sector pesqueiro galego. Non o souberon facer cando articulan mecanismos como os MINIMIS (de 2004 e 2005 ) que son axudas que chegan tarde, xestiónanse tarde e ingrésanse aínda máis tarde (estanse pagando en 2007 e 2008 ); axudas que ademais, pechan a porta de forma expresa ó acceso a outro tipo de subvencións durante un período de tres anos, un prazo de tempo claramente excesivo a xuízo da evolución actual dos prezos. Tampouco acertan os nosos gobernantes cando negan, sen deixar o menor espazo para reconsiderar a súa postura e facer unha sosegada análise, a posibilidade de establecer un tope máximo ó gasóleo utilizado polos profesionais da pesca, cando desprezan outro tipo de subvencións destinadas ó control dos prezos (como poden ser a condonación da Seguridade Social, do 7% do IVE que ingresan os pescadores pola venda do peixe e marisco, como se fixo durante a “crise do Prestige”) ou cando desprezan a articulación de descontos ou beneficios nalgúns impostos (como o de Sociedades) para os profesionais que se ven inmersos nesta crise. Desde a Xunta de Galicia e desde o Executivo Central refugan, en definitiva, posibles solucións que resultarían eficaces para minimizar o impacto da crise.

En todo caso, o máis preocupante da situación actual, ademais da súa repercusión directa e inmediata na economía diaria das miles de familias cuxo traballo en Galicia, depende directamente do aproveitamento dos recursos do mar e do marisqueo, é observar a falla de vontade política dos actuais gobernantes que, pese a ter a súa disposición fórmulas para atallar os efectos perniciosos deste descontrol de prezos nos combustibles, NON FAN NADA. Permanecen inactivos xa ben sexa por unha cuestión de incapacidade manifesta na defensa da nosa pesca ou, o que é aínda máis grave, por simple desidia. Temos, polo tanto, un Goberno que non só se limita a dar as costas ó sector pesqueiro cando atravesa unha das súas máis graves crises, senón que ademais, non ten intención de cambiar o seu errado comportamento.

Por todas estas razóns, o Grupo Municipal que subscribe, considera de interese municipal prioritario que o Pleno da Corporación

ACORDE:

Primeiro.- Instar á Xunta de Galicia a que realice as xestións diante das administracións competentes co obxecto de promover as seguintes medidas:
a) A habilitación dun mecanismo polo que se leven a cabo descontos directos aplicables ao prezo do gasóleo, co obxecto de compensar o espectacular incremento sufrido nos últimos anos que ameaza con facer non rendible a actividade pesqueira e marisqueira.
b) Que se poña en marcha unha campaña de promoción dos produtos pesqueiros, destinada a fomentar a venda e consumo de peixe, co obxecto de que contribúa a frear a depreciación das especies comerciais de máis interese para Galicia.
c) A posta en marcha dunha batería de medidas fiscais, que inclúan a exención do pago de cotas da Seguridade Social, a Condonación do ingreso do IVE pola venda do peixe e marisco como se fixo durante a “Crise do Prestige” e desgravacións no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas e no Imposto de Sociedades que está a ser soportado polos axentes do sector pesqueiro galego (mariñeiros, mariscadores, empresas do ámbito marítimo pesqueiro)
d) Elaborar en compañía das distintas administracións implicadas, sindicatos e organizacións pesqueiras máis representativas, dun plan estratéxico da pesca para os próximos anos, que inclúa un instrumento de análise e observancia da evolución dos prezos do gasóleo, por si esta requirise da implementación de mecanismos compensatorios.
e) Establecer un maior control das importacións de peixe foráneo, así como do etiquetado que, entre outras cuestións, identifica a procedencia das especies comerciais de venda no noso pais.
Segundo.- Remitir este acordo ao Presidente de Xunta de Galicia, á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, ao Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño e á Federación Galega de Confrarías de Pescadores.
O Grove, a 20 de maio de 2008.

O Concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular
Asdo.: Alexandre Aguín Castro
Concelleiro do PP do Grove
Resultado da votación: Rexeitada
Partido Popular: A Favor
Alternativa Meca: A Favor
Cuatripartito: En contra

No hay comentarios: