martes, 8 de abril de 2008

O PARTIDO POPULAR ESIXE QUE O CONCELLO DO GROVE EXPLIQUE OS GASTOS E A ELECCIÓN DE PROVEEDORES DA ÚLTIMA FESTA DO MARISCO

Fotografía procedente de www.todogrove.es

Considera que, seis meses despois da súa celebración, xa tiña que terse convocado o Consello Sectorial para avaliar o evento e presentar as contas do mesmo
· Miguel Ángel Pérez salienta que algunhas das facturas corresponden a empresas vencelladas con membros do Goberno local e considera un despropósito os máis de 1.800 euros pagados á Confraría de Pescadores de San Martiño polo uso do almacén da lonxa “que durante moitos anos se cedeu gratuitamente”.
O Grove, 8 de abril de 2008.- O Partido Popular esixe que o Concello do Grove explique “con claridade e detalladamente” os gastos derivados da última Festa do Marisco, así como a elección de proveedores da mesma. Á espera da convocatoria do Consello Sectorial da Festa e do Turismo, órgano creado, entre outras cousas, para debater todo o relacionado coa organización deste acontecemento e presentar propostas de mellora, o PP entende que o Goberno local “debe xustificar ante a oposición e ante os cidadáns os gastos destinados ao mesmo”.

Así, este partido considera que, seis meses despois da celebración da Festa, xa tiña que terse convocado o Consello Sectorial para avaliar o evento e presentar as contas do mesmo, “pero está claro que este Goberno fuxe de calquera mecanismo de participación e diálogo e por iso resístese a convocar o Consello”.

Mentres tanto, o PP advirte “algúns datos cando menos sorprendentes” na relación de gastos correspondente a esta última edición da festa. Nese sentido, Miguel Ángel Pérez salienta que algunhas das facturas corresponden a empresas vencelladas con membros do Goberno local, “de cuxa elección terán que dar as oportunas explicacións, dado que demostra unha actitude, cando menos, pouco ética”. Igualmente, considera un despropósito os máis de 1.800 euros pagados á Confraría de Pescadores de San Martiño polo uso do almacén da lonxa “que durante moitos anos se cedeu gratuitamente”. Efectivamente, durante un longo período de tempo este almacén foi utilizado pola organización da Festa como base de operación, “ata que hai catro ou cinco anos a confraría negouse a cedelo amparándose en mil excusas que, polo que parece, desapareceron agora a cambio de cobrar polo uso do local”. O portavoz do Partido Popular considera “absolutamente inxustificado” que o Concello acepte pagar ese cánon “polo uso dunha instalación pública para a maior e mellor promoción dos productos dos propios mariñeiros que, ademais, participan do Consello Sectorial da Festa e, antigamente, formaban parte tamén do Padroado organizador”.

No hay comentarios: