sábado, 26 de abril de 2008

MOCIÓN DO GRUPO POPULAR SOBRE AS NORMAS DO HÁBITAT GALEGO DO PLENO DO 28 DE ABRIL DE 2008


Exposición de motivos.-

As Normas do Hábitat Galego que ven de aprobar o Consello da Xunta, a proposta da Consellería de Vivenda e Solo, pretenden marcar as calidades mínimas coas que se deben construír as novas vivendas.

Estas normas substitúen o actual Decreto de Habitabilidade do ano 1992, e recollen todos os parámetros de cómo deben construírse as vivendas en Galicia, sexan protexidas ou de prezo libre.
Estando de acordo co obxectivo global da mellora das condicións de vida dos cidadáns; sen embargo, o Decreto de habitabilidade aprobado pola Xunta de Galicia, na súa actual redacción presenta moitos aspectos que aplicados na práctica, suporán evidentes prexuízos para os veciños.

Por suposto, o Partido Popular está a favor de todas aquelas medidas que supoñan un aumento de calidade da vivenda e do hábitat dos veciños, pero precisamente por iso, entende que este obxectivo se debe perseguir baseándose na obxectividade e no rigor
e non mediante normas improvisadas que suscitan o rexeitamento xeral.
A Constitución Española garante a autonomía dos municipios para a xestión dos seus respectivos intereses. Sen embargo, as Normas do Hábitat galego aprobadas, supoñen unha inxerencia e un ataque a autonomía local, toda vez que, segundo teñen manifestado xa moitos técnicos independentes, poderían chegar a colisionar mesmo cos Plans de Ordenación Municipal. Trátase en consecuencia, dunha norma claramente intervencionista.

A dia de hoxe, todos os sectores implicados manifestan a súa preocupación polos efectos negativos que se derivarían da súa inmediata entrada en vigor, invasión na autonomía municipal, encarecemento dos prezos das vivendas de ata un 30%, parálise dos planeamentos en redacción (nomeadamente para os concellos que os estean a tramitar), exceso de regulamentación, discrecionalidade da Consellería da Vivenda para eximir do cumprimento da Norma, etc.

Boa mostra da preocupación xerada por este Decreto foi a saturación que, dende a publicación do mesmo, sufriron os servizos urbanísticos dos concellos galegos, recibindo un aluvión de solicitudes de licenzas de construción ante a inmediata entrada en vigor do mesmo.
Trátase dunhas Normas, que como advirte o Consello Consultivo de Galicia nos dous ditames emitidos invaden competencias que non son propias da Consellería de Vivenda e Solo, ademais de que pola súa imprecisión e ambigüidade xerarían inseguridade xurídica.

Os informes elaborados polos axentes implicados son contrarios ao texto aprobado pola Xunta de Galicia, de aí a preocupación que neste Grupo Municipal recollemos de todos e cada un deles. A FEGAMP ven de recoñecer explicitamente que as Normas en cuestión invaden as competencias da administración local.
Considerando, que estamos inmersos nunha crise económica profunda que repercute en tódolos sectores produtivos, o concello de O Grove, verase claramente prexudicado pola aplicación deste decreto. Os primeiros prexudicados serian os propios veciños que sufrirían un aumento do prezo das vivendas e que logo abarcaría o conxunto da actividade económica coa conseguinte paralización dos sectores económicos esenciais.
Así mesmo, a aplicación do decreto afectaría negativamente na recadación municipal e consecuentemente frearía a capacidade prestadora de servizos deste concello.

Por todo elo, o Pleno do Concello de O Grove, insta a Xunta de Galicia a,

1º.- Derogar o actual Decreto das Normas do Hábitat Galego co fin de elaborar outra norma que naza froito do consenso coas forzas políticas e sociais, as administracións locais, nomeadamente coa FEGAMP, e os sectores empresariais afectados, e que permita garantir unha mellor calidade de vida dos cidadáns e non dificulte o desenvolvemento urbanístico dos concellos galegos.

2º.- Remitir este acordo ao Presidente da Xunta de Galicia, á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, á Federación Galega de Municipios e Provincias ( FEGAMP ) e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Miguel Angel Pérez García

Voceiro do Grupo Municipal Popular
Resultado da votación:
Partido Popular ............ SI
Alternativa Meca........... SI
Cuatripartito ...............NON

No hay comentarios: